«O teatro é tan importante na escola como as Matemáticas»

LEMOS

ÓSCAR CELA

Entrevista | Guillermo Cancelo O vindeiro martes regresa á TVG o primeiro capítulo da nova temporada da serie «A vida por diante», producida por Voz Audiovisual, e na que participa o actor e director teatral lucense

16 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? nova campaña de A vida por diante , exitosa serie que emite a TVG, regresa este martes con novos personaxes e sorpresas. Logo do naufraxio do Santoña , as viúvas de Sada empezarán a disfrutar doutras ilusións. Nesta temporada participa nalgúns capítulos o actor sarriano Guillermo Cancelo, que dende hai catro anos é o responsable, xunto con Iria Acevedo, da Aula de Formación Teatral de Lugo. -¿Que supón para un actor teatral estar na televisión? -Aparte dun bo complemento económico, é un viveiro importante para ver actores galegos en cine e televisión a nivel nacional. Hai que ter en conta que as produtoras de Madrid nútrense de actores de Cataluña e de Galicia, porque xa teñen un audiovisual formado e con actores con experiencia diante da cámara. -Vostede forma a futuros actores. -Si, e enriquece moito traballar cos alumnos da aula e sorpréndenme a capacidade de xerar ideas grazas ao contacto nas clases. -¿Que alumnos ten? -Impartimos clases para adultos e nos institutos e colexios para os rapaces. Os maiores son xente moi aberta, xente con gañas de abrir novas expectativas e que dan xogo nas improvisacións. Traballamos coa voz, o corpo e a adaptación dos compañeiros, entre outras cousas. Ao final do curso presentamos as obras nas xornadas escénicas de Fingoi. -¿E cos estudantes? -Non teñen tantos prexuízos e non teñen medo ao ridículo. Para moitos deles é importante facer teatro porque están nun momento de cambio e pasan dunha fase de introversión a abrirse ao mundo. Por iso sempre digo que o teatro é tan importante nas escolas como o son as Matemáticas. -Lugo vive un bo momento no tocante ao teatro. -Grazas á aula de formación xa saíu un grupo, Hipócrita Teatro, e xa hai moitos grupos de afeccionados. De momento non hai compañía profesional, pero desta maneira é como se pode conseguir unha base para un mellor futuro.