Cacharro,???coidador de paxaros

XULIO XIZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

16 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MIÑA NAI contábame a historia dun paxaro que ela criou sendo nena na súa casa do Freixo, á sombra do Monte Caxado. Aquel paxaro era un merlo, pero ben podía ter sido un corvo. Atopou o merlo nun niño caído, cheo de frío, mollado, sen forza para voar. E levouno para a casa. E todos a coidar nel: miña nai, meus tíos, meu avó¿ miña avoa, non. Ela non se fiaba do merlo, e deixaba moi claro o seu parecer sobre aquel becho na casa. O merlo medrou¿ Engordou e cambiou de voz. Chegou a graznar cun aquel de fachenda, de seguridade e de provocación. Seguía pousándose nos ombreiros da que moito despois sería miña nai, e meus tíos comenzaron a estar xa fartos do paxaro. E chegoulle ao corvo-merlo a hora de emigrar. Unha mañá, co sol moi alto, cando o animal rematou de comer da man da súa dona, vendo o resplandor exterior, deu o seu derradeiro graznido, e logo de deixar na man aínda tendida unha fenomenal cagada voou cara a liberdade. Todo o mundo -tamén os merlos/corvos- ten dereito á liberdade. Pero non se debe cagar na man de quen te criou, te fixo maior e che deu de comer. Aínda que a man pretenda terte amarrado. Hai algúns días lembrei a historia que miña nai me contaba, cando se decretou a retirada política de Francisco Cacharro nunha votación na que participaban algúns fillos políticos del. Posiblemente Cacharro debeu ter criado outro tipo de paxaros.