Mirar para outro lado

LEMOS

TRIBUNA | O |

24 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

OS GALEGOS temos acentuado un defecto que tamén teñen o resto de españois. É o de mirar para outro lado cando os problemas están enriba dun e botarlle a culpa de todos os males ao contrario, ao veciño ou a calquera que pase polo medio. Eso si, somos os máis solidarios cando os problemas son na fin do mundo, sobre todo na nosa querida e sempre menosprezada América. Alguén me dicía que cando goberna o PSOE en Madrid tócalle facer as políticas menos atractivas electoralmente porque a dereita ten a cualidade de manter os problemas en suspenso, sen que esbouren mentres gobernan. Os teóricos desta idea lembran a reconversión naval ou reformas laborais contra os propios traballadores; e agora o chamado proceso de paz con ETA, a nova reconversión naval ou os conflitos polo urbanismo desaforado. Pero tamén din os do PP que as esquerdas, e no caso de Galicia se lle suma o BNG, son mestres en escorrer responsabilidades e mirar sempre ao pasado para dar unha explicación aos problemas do presente. Vamos, que se instala na nosa clase política o de mirar para outro lado e botarlle a culpa de todos os males ao adversario. Que o goberno de Fraga non quixera ordenar o territorio agrario, do mesmo xeito que se fai no urbano, sabendo que esta decisión lle podía custar votos, non significa que os que gobernan agora na Xunta teñan carta branca para dicir que toda a súa política de loita contra os incendios é marabillosa e funciona coma un reloxo. Días antes do fatídico 4 de agosto, os responsables de Medio Rural destacaban os bos resultados da loita contra o lume. Seguro que se souberan o que viña enriba non o farían. Xa o pasado verán tiveron un ensaio, sobre todo en Ourense, do que podía ser este verán de cinzas. Pero claro, é máis fácil mirar para 2004, 2003, 2002...