Verán de cinza e lixivia

LEMOS

TRIBUNA | O |

07 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A PAISAXE do sur lucense volve mostrar -como no resto de Galicia, por outra parte- algúns dos trazos máis característicos da temporada de verán: as manchas negras dos incendios forestais e as botellas de lixivia baleiras espalladas polas beiras dos ríos. Unha paisaxe como para estar orgullosos dela, como para mostrarlla entusiasticamente aos forasteiros e como para reproducila unha e outra vez nas postais. Certamente non é para menos. Se houbese que buscar unha estampa estival absoluta e innegablemente típica destas terras, habería que escoller sen dúbida a seguinte: en primeiro plano, a figura dun pescador furtivo que regresa moi alegre e ufano á súa casa, cargado de troitas de todos os tamaños (regulamentarios e ilegais, sen discriminación algunha) despois de ter enriquecido xenerosamente con varios litros dunha coñecida marca de lixivia o caudal dun río rebaixado pola estiaxe. Por detrás da figura despreocupada do pícaro pescantín -que camiña con paso lixeiro cantaruxando Opá yo viazé un corrá ou algún outo hit da temporada-, grandes penachos de fume escuro elévanse sobre o perfil ondulado dos montes, mentres no ceo do entardecer revoan gracilmente varias avionetas e helicópteros dos servizos de extinción, soltando con elegancia as súas respectivas cargas de auga. Eis sen dúbida unha escena ben representativa da nosa idiosincrasia, dos nosos valores e do noso inimitable modo de ser e de estar. Unha estampa bucólica e evocadora que nada ten de falsa, ao contrario do que sucede con tantos reclamos turísticos que se ven por aí. Unha escena que merecería ser impresa nos carteis de propaganda turística ou representada en vídeos promocionais, acompañada dalgún eslogan axeitado: Happy summer in the Ribeira Sacra ou algo así.