Un benefactor da comarca

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

BLANCO

Crónica | Joaquín Quiroga Espín A consecución de varias obras importantes para Sarria fixo que o Conde de Quiroga Ballesteros fose nombrado fillo predilecto e adoptivo do Concello

29 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Deputado en Cortes, don Joaquín Quiroga Espín, da familia Quiroga da Casa Grande de Pobra de San Xiao, foi fillo de don Benigno Quiroga López Ballesteros e de Julia Espín. Don Benigno Quiroga, a quen se adicaron rúas en Sarria e Lugo foi significado persoeiro de política liberal e a súa dona foi a musa que inspirou a Bécquer. Don Joaquín Quiroga Espín recibiu o título de Conde de Quiroga Ballesteros por Real Decreto de 12-03-1931 e obtivo ademais a Grande Cruz da Orde de Isabel a Católica. Casou con María Josefa Díaz e Gutiérrez e faleceu en Madrid en 1971. A relación con Sarria, tanto por mor de ser propietario de fincabilidade en rendas no Partido Xudicial sarriao como pola súa participación política, seguindo a traxectoria do seu pai, veu dada pola súa condición de deputado en Cortes e por ter ostentado cargos de responsabilidade na administración do Estado. Significativamente hai que destacar a súa participación e colaboración activa na consecución da traída de augas para a vila, da que se empezou a falar antes de 1908 e foi plena realidade en 1920, rematando así con unha grave carencia. A pescuda de auga na zona de Rego de Cervos (o Río Vao medieval) e a instalación dun depósito no campo da feira, deron fin o difícil labor de corretaxe de auga en olas e sellas dende a Fonte Ribeira. Tamén participou nas actividades sociais da vila, colaborando coa agrupación de exploradores de España (Boy Scouts), co Clube Celita e as sociedades da vila, tomando riba del moitas xestións a prol da comarca, estradas, xulgados, en Madrid e non é menor o seu empeño a prol da electrificación da vila da Pobra de San Xiao, abrindo a explotación de Valdriz. Traída E así, grazas ao seu persoal empeño o 1 de maio de 1918 inaugurouse a traída de augas para a vila de Sarria, despois de máis de dez anos de xestións. Desta maneira a antiga Fonte Ribeira e os escasos pozos de que se surtían as casas deron paso a un caudal que axiña foi insuficiente. Os municipios engaiolados pola modernidade da traída, os depósitos e as magníficas fontes de cantería instaladas ao longo da vila (fronte ao cárcere, na Praza de Vista Alegre, no barrio da Estación, na Pedreira) vibraron entusiasmados e propuxeron que unha desas fontes levase o nome do activo señor Quiroga Espín e aínda estamos ao día de hoxe a agardar que unha labra na pedra lembre a súa memoria e o agradecemento dos nosos antergos. E como non dubido da receptividade do alcalde don Xosé Antonio García López a petición de xustiza, ao facer presente este imperdoable esquecemento fago o pedido de que na Fonda Rúa da Estrela, única que queda activa daquela primeira traída se grave o nome daquel benefactor, pois máis vale tarde ca nunca. Na sesión ordinaria do Concello de Sarria celebrada o 27 de abril de 1918 o alcalde don Manuel Gutiérrez Castro, que morrería en accidente de circulación, di que «se aproximaba a satisfación dunha grande necesidade, día anelado por todos». E como para a consecución de tal mellora interpuxera un grande valemento o deputado pola circunscrición Excelentísimo señor don Joaquín Quiroga espín, e grazas a el se verá realizado o que se consideraba dificilísimo, senón imposible, e como só este feito é suficiente para que o pobo de Sarria lle deba eterna gratitude ao seu protector, o deputado señor Quiroga, quen xa noutras ocasións demostrou a súa predileción por esta vila, e aínda que é pouco para os seus merecementos e como prefacio do mais que se poda facer, como bos agradecidos propón que se declare fillo predilecto e adoptivo de Sarria a Joaquín Quiroga Espín. E a Corporación sen discusión e por unanimidade acora proclamalo, tal e como propón o seu presidente. Retrato na sala de plenos En sesión ordinaria do Concello de Sarria celebrada o día 24 de novembro de 1919 acórdase pagarlle o gasto de 202,20 pesetas a don Cipriano Santos, pola confeción do título de fillo adoptivo e predilecto de Sarria a favor de don Joaquín Quiroga Espín. E agora, hai poucos meses, o seu retrato pasou a ocupar o lugar correspondente na galería de sarriaos ilustres que está instalada no salón de plenos da Casa do Concello a vista dos veciños. Bon é saber con quen ten débedas o noso Concello.