Un apoio máis ca aplastante

Pepe Luis Castro SARRIA

LEMOS

Crónica histórica | O Estatuto de 1936 en Sarria O 80% dos cidadáns sarriaos acudiron as urnas e deles un 95% deu o seu voto afirmativo á aprobación do documento

25 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Os debates da reforma do estatuto de autonomía de Galicia que se están a dar estes días, viñeron cumprimentarse cunha conmemoración histórica para o noso pobo, que foi a aprobación no ano 1936 do primeiro estatuto de autonomía. Os dereitos e liberdades nacionais de Galicia foron obxecto de recoñecemento por primeira vez dentro do marco constitucional da II República, no estatuto de autonomía plebiscitado por abrumadora maioría o 28 de xuño do ano 1936. A comarca de Sarria participou activamente na aprobación deste estatuto cunha votación masiva e con vitoria absoluta do si en todos os concellos. Como exemplo podemos poñer o de Sarria, no cal houbo unha participación do 80% e os votos afirmativos superaron o 95% dos emitidos, aínda que este non foi o único aspecto salientábel da participación da nosa comarca na aprobación do estatuto de 1936. Lembra Ramón Piñeiro nas súas memorias como durante a súa estancia en Sarria vira por primeira vez a Castelao e a Otero Pedrayo. Producíase este encontro concretamente na estación de ferrocarril, cando un galeguista sarriao, Vicente Páramo, que militaba na ORGA acudía a saudalos ao pouco tempo de seren elixidos diputados. Anos despois a vida deste republicano galeguista remataría como consecuencia da sinrazón da forza, sendo fusilado o 10 de setembro do 1936. Por aquel entón o xornal «Loita», órgano de difusión do centro republicano de Sarria, foi un claro propagandista da autonomía. O alcalde de Sarria naquela época, Juan Manuel Somoza García, tivo una participación activa na preparación e na convocatoria da chamada Asamblea de Concellos de Galicia para debater o Estatuto de autonomía no ano 1931. O documento non sairía adiante como consecuencia da chegada a poder da dereita española na etapa coñecida como o bienio negro. Tras a formación do Partido Galeguista en decembro do ano 1931, aparecen na comarca de Sarria os primeiros grupos galeguistas, concretamente as agrupacións da Lama, no Concello de Láncara no ano 1935, a e a agrupación do Partido Galeguista do Páramo no 1936, cun claro afán de concienciar ao pobo galego da necesidade de gobernarse por si mesmo. Foi moi soada neste período a visita de Castelao ao Concello de Sarria, co fin da campaña do Estatuto do ano 1936, o igual que as súas estadías noutros concellos da comarca. Mortes violentas O 28 de xuño do 1936 o estatuto de autonomía de Galicia era aprobado como xa se dixo por unha esmagadora maioría, sendo designado compromisario na tramitación do mesmo o recén elixido alcalde de Sarria, Antonio Páramo Sánchez. A presenza deste alcalde na tramitación non puido ser posible como consecuencia das mortes violentas sufridas por dous republicanos sarriaos nos prolegómenos da Guerra Civil na vila de Sarria, tendo que ser sustituido polo alcalde de Láncara, o mestre Cela Míguez, o que o igual que lle pasou a outros republicanos galeguistas, pillouno o levantamento militar en Madrid.