Entrevista | Camilo Gómez Torres O estudoso quirogués presenta hoxe en Monforte un novo traballo no que analiza a dimensión sociolingüística da obra do desaparecido poeta
27 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Ás oito e media da tarde de hoxe preséntase na Galería Sargadelos de Monforte o libro O tempo vital de Manuel María , unha nova obra que o estudoso quirogués Camilo Gómez Torres dedica ao poeta chairego. -É o que eu chamo unha crónica sociolingüística, un estudo da situación sociopolítica do idioma galego durante a ditadura franquista e a democracia, á luz dos textos e dos pensamentos de Manuel María. Na súa obra hai todo un pensamento acerca do papel da lingua galega na sociedade, todo un tratado de sociolingüística, pero ese pensamento non se expresou a través de ensaios especializados, senón mediante numerosos poemas e artigos literarios. -¿Como se pode resumir a posición deste autor con respecto ao idioma? -O propio Manuel María definiuse moi ben como un galego normalizado e quixo vivir toda a súa vida dentro do idioma que herdou dos seus devanceiros e de todos os galegos que o falaron. Mencionaba a miúdo a célebre frase do poeta Fernando Pessoa, «A minha pátria é a língua portuguesa», que el asumiu no que respecta ao galego. Comprometeuse coa tarefa de defender e mellorar a lingua como creador e como divulgador cultural, e reflexionou moito sobre os seus grandes males, principalmente sobre os prexuízos sociais contra o uso do idioma propio. -¿Que importancia teñen na súa obra o sur lucense? -Moita, porque para el a literatura e a vida estaban estreitamente unidas e el viviu grande parte da súa vida en Monforte e foi aí que escribiu a maior parte da súa obra. Na súa poesía hai moitísimas referencias a estas terras e ten tamén unha obra ensaística e xornalística moi ampla sobre a Terra de Lemos e sobre o sur lucense en xeral.