O novo secretario, don Manuel Limeres Penado, posesionouse o 22 de marzo de 1964. Era tamén sarriao de orixe e polas súas convicións democráticas sufriu persecución e encarceramento nos anos da guerra e da posguerra. Xa falecido o señor Limeres Penada, o 23 de xuño de 1975 ocupou por acumulación a secretaría don Amando Losada Losada, quen, agás o período en que foi delegado da Consellería de Presidencia, sendo substituído por don Xosé Antonio Maside Núñez, permaneceu no cargo ata o 27 de maio do presente ano, data da súa xubilación. Coincide o tempo da súa función co grande pulo da administración local e da súa modernización, de maneira que onde había pouco máis dunha ducia de funcionarios e persoal laboral, aparece agora un cento e medio de persoas ao servizo dunha comunidade aberta e plural. A importante función da secretaría dos concellos, polo que de permanencia e asesoramento supón, reflectiuse sempre no alto grao de integración dos sucesivos secretarios na vida social da nosa comunidade. Cada un co seu estilo, e cos medios de cada período, contribuíron a apuntalar a trama social dentro do espírito de observancia das leis e da participación popular na xestión municipal.