NO OUTEIRO | O |
05 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.DE CARA á normalización lingüística, conviría que nos puxeramos de acordo en algo. Porque corre perigo de desaparecer. Porque mesmo nos últimos tempos abondan as nais (e pais) que dende o berce lles falan aos seus cativos en castelán, incluso tamén algúns avós; outros, máis orgullosos e conservadores do seu, non, evidentemente. E tamén, porque poida que así se evitara que alguén como o voceiro do PP no pleno de Monforte reivindique que non se traduzan ao galego as alocucións que fagan en castelán os seus representantes. Distinto é que se traduzan e non quede reflectido con exactitude o que se dixo. Iso non. Mais habería que lembrar, talvez, que o galego non é unha tradución do castelán, senón que ten vida propia, de seu. Coido, polo tanto, que sería bo facer un gran pacto onde estivera toda a sociedade. Miren, abofé que me sorprende que sendo o PP un partido conservador, non todos fagan diso causa e defendan, non só canto atinxe ás tradicións, senón tamén, coa mesma puxanza, a nosa lingua materna: o galego. Trasládese, de paso, ao PSOE, pois non falta cando ás veces semella vir maior sensibilidade de fóra que hai aquí. E por outro lado, tamén aos nacionalistas galegos que empregan a lingua como arma. Porque se o que nos preocupa é a lingua, debera entenderse esta como un valor noso, un patrimonio, o pan de cedo que nos dá ter unha singularidade dentro da pluralidade real de España. Sen que haxa que ver niso un tascón, para uns, nin para outros represente unha fouce de cara á integridade do Estado ao que todos pertencemos. A nosa lingua -sen desprezar o valor e significado do castelán- é o eixo do carro que nos leva polo camiño da identidade, a fanega de trigo e maila paisaxe que mantén ó noso espírito.