Unha capitalidade ben centrada e dotada de variados servizos

La Voz

LEMOS

O moderno Concello de Paradela quedou definido en 1840 e agás a perda de lugares por mor da construción do encoro de Belesar (Loio, A Abelaira do Río) e a puxanza da súa capitalidade, a actual vila de Paradela orixinada derredor do antigo lugar de Pacios, nace como consecuencia de cumprir, pola súa centralidade, a función de cabeceira que se viu realzada cando a antiga feira de Paradela, que se celebraba no campo de Palacio ou de Tambarría, da freguesía sarriá de Vilamaior da Lobataira ou de Paradela, se trasladou á aldea de Pacios. Vila comercial Hoxe Paradela, ben centrada como capitalidade municipal, é unha vila comercial cun emerxente polígono industrial no Gandarón, ben urbanizada e con dotación de servizos e equipamentos moi significativos (centro de saúde, colexio, equipamento deportivo e piscinas, entre outros). As parroquias do medio rural están a sufrir a lacra do despoboamento e só Mosteiro Vello, cosa súa feira e pequeno comercio e a parroquia de Loio (con actividade de hostalería) destacan un pouco ao tempo que se trata de potenciar o turismo rural como alternativa a ese devalo demográfico, auténtico cancro da Galicia interior.