«Lugo é un poema que se escribe cando estamos fóra»

Carlos Vázquez LUGO

LEMOS

PAULA IGLESIAS

Publicación | Guía de Lugo Henrique Alvarellos presenta en Edicións do Cumio e en tres linguas o libro «Descubrir Lugo»

22 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Disque hai unha medra na demanda destas guías que de xeito resumido tentan descubrir para o visitante o mellor dunha cidade. Descubrir Lugo é unha guía práctica de apenas 100 páxinas encamiñada ao turismo e cuxo texto escribiu Henrique Alvarellos. Vén de editarse en tres idiomas (galego, español e inglés) se ben a editorial, Edicións do Cumio, logo da moi boa acollida en inglés, xa contempla estendelo a outros idiomas como o alemán. Porque Galicia enteira e Lugo, sobre todo despois de que a Muralla fora nomeada Patrimonio da Humanidade, xa está perdendo o ser unicamente camiño de paso cara a Compostela. Iso reflíctese mesmo en que cada día son máis os que anhelan e se abraian ao descubrir o que para nós significa parte do noso pasado. Deste xeito, o libro aventa que vir a Lugo, amais de enchouparse da paisaxe verde que ofrece o pai dos mil ríos galegos, o Miño, fai imprescindible poñer pé no castro de Viladonga, en Santa Baia de Bóveda ou no Museo Provincial. Anque estar eiquí na cidade supón tamén percorrer as rúas do casco histórico, probar o viño e degustar os nosos pratos típicos, así como entrar na única basílica onde está permanentemente exposto o Santísimo Sacramento. E logo de todo, inda tendo tempo, baixar e aproveitar das Termas, como xa fixeran os romanos. Pasado e presente Así pois, a través dunha guía como esta, o lector non só ha Descubrir Lugo senón que de aquí levará unha conclusión: que aparte de ser rica en patrimonio, Lugo conserva aínda o encanto deses lugares que aprenderon a facer futuro mesturando o pasado co presente. É o que busca a xente interesada noutro tipo de turismo. De aí que perante a presentación, o propio Alvarellos sinalara na Galería Sargadelos que Lugo segue a ser «unha desas cidades lentas, tranquilas, slowning», tan demandadas hoxendía. Tamén nese acto, logo de contar que marchou con 22 anos, Alvarellos quixo deixar algo para a emoción, ao dicir que «Lugo é un poema que se escribe cando estamos fóra». Un poema amosado nesta guía.