Un culto moi especial

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Cultos marianos en Sarria A vila conta con numerosas advocacións a numerosas virxes, con especial agarimo para a da Mercé, patroa da localidade e pola que existe unha grande devoción

20 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O mes de maio, tan asociado ás celebracións marianas, é boa ocasión para dar un repaso ao culto que as diversas advocacións da Virxe María teñen recibido ao longo do tempo. Posiblemente a devoción a Santa María na vella capela medieval de Santa María de Barbadelo, non lonxe do mosteiro da Madalena sería a que máis cedo aparecería na Vilanova de Sarria. Estando baixo a éxida dos agostiños no mosteiro da Madalena recibía alí especial culto a Nosa Señora de Gracia, que tiña altar propio. No remate do retábulo maior houbo un cadriño representando a Nosa Señora de Belén. A devoción mariana traduciuse na copiosa fundación de misas no mosteiro rezadas e cantadas, que se celebraban na Oitava da Asunción no día da Purificación, no da Expectación da Nosa Señora, Nosa Señora de Marzo, de Agosto, de Setembro, da Presentación, da Concepción, da Visitación e da Asunción. Advocacións Cando en 1896 se incorporan os frades mercedarios á vida sarriana, as vellas advocacións foron sustituidas polas propias da nova Orde e a Nosa Señora da Mercé pasa a ocupar o lugar de honra que antes tivera Santo Agostiño no altar maior, e ademais entronízanse imaxes da Nosa Señora do Rosario e xa en pleno nacionalcatolicismo outra da Virxe de Fátima. A Virxe da Mercé, grazas ao labor apostólico dos relixiosos mercedarios e á actividade da Orde Terceira é sen lugar a dúbidas, a advocación máis querida polos fieis, e as celebracións xurdidas derredor do seu culto, en especial a novena e procesións, amosan o grao de veneración que recibe, patentizado nos actos solemnes nos que o pobo de Sarria participa entusiasticamente. Mentres o convento acolleu ao Postulantado cada sábado a celebración da Salve Sabatina achaba grande suceso, polas ben entoadas voces e o aparato escénico que supoñía. Na igrexa de San Salvador o culto a Santa María deu paso as imaxes da Virxe de Lourdes e da Virxe Milagrosa, e para a celebración do día da Garda Civil tamén se expón unha imaxe da Virxe do Pilar. En Santa Mariña consérvase o culto a Virxe da Soedade, xa establecido no século XVIII, contando con confraría xa naquel tempo, razón pola que é unha das máis antigas advocacións. En Santa Mariña houbo unha imaxe de moita devoción, Nosa Señora A Preñada, que recibiu culto ata 1880. Hoxe hai outras advocacións nos altares como o Sagrado Corazón de María, a Virxe do Perpetuo Socorro, a Purísima Concepción, a do Carme que alí reciben veneración, dando lugar a novenas ao longo do ano. En tempos, organizacións como a das Fillas de María, ou prácticas como as dos Primeiros Sábados, coas as celebracións do mes de maio, facían xirar a vida relixiosa derredor das diferentes advocacións. No Hospital da Nosa Señora do Carme, no Mazadoiro, ademais advocación titular da capela, introduciron as monxiñas dos Ancianos Desamparados a devoción a valenciá Virxe dos Desamparados, celebrada ata os anos 70 con festas populares no barrio da Estación, conservándose agora a imaxe na capela de San Lázaro, sendo retirada outra imaxe da Virxe cando se derrubou o asilo. Imaxes Na capela do Marqués venérase a Virxe do Perpetuo Socorro, e hai outra imaxe da Virxe María. Finalmente na nova igrexa parroquial de A Nosa Señora do Rosario (Formigueiros) ademais da imaxe titular hai unha talla da Milagrosa (festéxase nas Ínsuas) e un cadro da Virxe do Perpetuo Socorro. A do Rosario tamén tivera culto na igrexa de Santa Mariña e tendo en conta que no convento hai tamén unha imaxe da misa advocación conclúese que a traveso do tempo e seguramente desde o século XVI, esta advocación foi a que máis perdurou na devoción das xentes de Sarria. En varias capelas como as de a Asunción, San Roque, Casa do Barrio hai culto mariano.