Reportaxe | Achegas locais ao panorama literario galego No mercado poden encontrarse máis dunha vintena de obras en lingua galega publicadas recentemente por escritores nativos do sur lucense
08 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.AUTORA PREMIADA. Teresa Moure, á esquerda, na presentación en Monforte da súa obra Herba moura , que gañou o premio Xerais ? celebración do próximo Día das Letras Galegas coincidirá coa presenza nas librarías dun considerable número de libros escritos por autores nativos do sur lucense, como vén sucedendo con regularidade desde hai anos. Os escritores naturais destas comarcas continúan publicando obras que ás veces chegan a ocupar papeis protagonistas no panorama literario galego e o acervo segue incrementándose coa aparición de novos autores. As máis recentes achegas débense a Xosé Lois Ripalda, natural de Carballedo, e ao monfortino Antón Lopo, que publicaron senllas obras neste mesmo ano. Ripalda é autor do ensaio etnográfico O libro das fontes . Pola súa parte, Lopo publicou Os homes só contan até tres , unha obra coa que gañou o premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais do 2005. Estas novas publicacións veñen sumarse ás que foron aparecendo durante o pasado ano e que seguen estando ben presentes no mercado. Nalgún caso, encabezando insistentemente a lista dos libros galegos máis vendidos. É o que sucede con Herba moura , unha obra coa que a escritora monfortina Teresa Moure gañou o premio Xerais de novela do pasado ano. Ao xénero narrativo pertence igualmente o libro de relatos Fonte de Esperante , do escritor courelao Xesús Manuel Marcos. Neste terreo literario hai que destacar así mesmo a reedición da novela Como calquera outro día , do sarriao Camilo Gonsar, publicada por primeira vez en 1962 e agora revisada polo autor. Outro escritor sarriao, o poeta Antom Fortes, estreouse recentemente como tradutor coa versión galega de Cobertor de estrelas , unha novela do brasileiro Ricardo Lísias dirixida ao público xuvenil. Encádrase tamén no xénero novelesco a obra Inxalá , pola que o escritor Carlos Quiroga, natural do Saviñao, recibiu o ano pasado o premio de narrativa Carballo Calero. Este libro aínda está pendente de edición. Pero Quiroga publicou o ano pasado outra obra de máis difícil clasificación, O regresso a arder , que mestura a narración e a poesía. De carácter narrativo, pero baseado en sucesos reais da Guerra Civil e da posguerra, é o libro Memoria de ferro , que o escritor Antón Patiño Regueira -moi vinculado a Monforte, aínda que non fose nativo da comarca- publicou pouco antes de falecer. Novidades en poesía Polo que respecta á poesía, nos últimos meses tamén apareceron varias obras debidas a autores do sur lucense. Mereceu críticas eloxiosas o libro Kalendas , do chantadino Xosé Lois García, que supón un experimento inédito na literatura galega: un diario poético escrito día a día polo autor durante cerca dun ano. Pouco tempo antes, este escritor publicara Do Faro ao Miño 2 , continuación dunha obra poética anterior aparecida en 1978. García, por outro lado, tamén editou en tempos recentes as obras poéticas Poemas pornofálicos e África em sinfonia solar , esta última escrita en portugués. Dentro do xénero poético tamén é preciso sinalar a publicación de Botar o mar polos ollos , primeira obra de Alicia Fernández, natural do Saviñao, que xa asegurou á súa autora un lugar destacado entre as novas promocións de poetas galegos. Outra xove escritora, Olga Novo -da Pobra do Brollón- figura na recente antoloxía Das sonorosas cordas , que reúne textos de quince poetas. Nas librerías, por outro lado, seguen véndose outras obras de autores locais aparecidas con algunha anterioridade ás mencionadas. É o caso das novelas O exiliado e a primavera , do monfortino Manuel Veiga, premio Xerais do 2004; O brindo de ouro , de Xesús Manuel Marcos; Era por setembro , de Xabier Quiroga, escritor do Saviñao; A noite da aurora , de Camilo Gonsar, e O coxo de Vilarelle , do chantadino Afonso Eiré. Están en similar situación os ensaios A tres mortes de Lorenzo Varela , de Antón Lopo; A Ulfe , da chantadina Julia Varela; Avelino Pousa Antelo , do sarriao Valentín Arias, e Lingua loaira , de Olga Novo, así como A cousa vermella , obra poética desta última autora.