Crónica | Os Maios en Sarria Esta festa popular tiña unha grande sona en Sarria hai pouco máis dun século. Hoxe non ten apenas relevancia e ningunha asociación fai nada por revivila
22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Somos, desgraciadamente, unha vila desmemoriada na que só un labor de sustitución vai facendo tradicións que non van máis aló duns lustros atrás, con un mimetismo do que se fai noutras localidades, porque o brinco poboacional, a variada entullada dos novos íncelas, non arraigou nos valores propios que foron desbotados como consecuencia de esa actitude de autoodio que nos ten caracterizado como pobo. As vellas tradicións (Nadal, Antroido...) non presentan características definitorias ou propias, senón que teñen referencias ao que se fai noutras vilas e cidades, mesmo lonxanas, e por iso (agás a romaxe dos Remedios) son actos distantes e pouco metidos no sentimento, e sen atracción fóra do radio máis preto, para quedaren no mero espectáculo ou teatralización forzada, en nada entroncados nunha liña participativa e de compromiso cos propios valores. Non sempre foi así. Cen anos atrás a vida da vila seguía os ritmos vitais dos meses e das colleitas, nunha continuidade fortemente arraigada no sentir colectivo. Poucos saben que o eminente cronista de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar viviu en Sarria e grazas ao seu labor de estudo podemos coñecer moitas das manifestacións populares que, nas primeiras décadas do século XX, tiñan lugar en Sarria. No diario de Santiago El Compostelano publicou máis de 50 artigos nos que aparecen contos, pasatempos, 120 adiviñas, 1.600 xiros, modismos e vocablos, 1.300 ditos e refráns, 170 cantigas e fálase de costumes, industrias, das troitas e dos froitos das serras, dos ríos e das pedras abaladoiras, segundo manifestación do autor, que pretendía recoller ese traballo nun volume de 350 páxinas baixo o título de Folklore das terras de Mondoñedo, Sarria e Santiago . Bebendo nesa fonte sabemos que a perdida tradición dos Maios estaba viva en Sarria, e que en 1901 aínda os rapaces de 10 a 16 ou máis anos sairon as rúas a festexar o Maio. Según Lence Santar, o Maio vestíase na costa de Fafián de xestas e flores brancas, e como iso cadraba lonxe acabáronse vestindo en Casteledo, con canaveiras os na Viña do Chao con xestas de flores marelas. O Maio era un dos rapaces de máis tempo, e don Eduardo, da súa infancia sarriá, gardaba o recordo de que fixeran ese labor Conexo, Mexiñas, Mariposo, Góndolo, O Neno de Florentino, Pedro do Cortello, Pelesa, Bocacha, Cernellos, Levita, Cabalo, O Listo, Mordorellas, Rosquilleiro, Manel das Ánimas e Manoel do Lugo. Cantigas Saían os rapaces as rúas e poñéndose todos derredor do Maio cantaban cantigas como as que recolleu Lence Santar: Aí ven o Maio/ Maíño é./ Aí ven o Maio/ que anda de pe./ Vistilo Maio/ vistilo ben:/ por borriquiña/ tamén vola ten. / Deanos as maias/ señor capitán. /Deanos as maias/ da ucha do pan. Denantes de cantar, afirma Lence Santar «dous rapaces dos de máis tempo deitaban o maio, e ao tanto que cantaban todos, mirando para el e téndoo arrodeado, erguíano engorde, dándolle cada un unha man. O maio levaba un pano nunha man, e na outra unha vara longa, do xeito dunha aguillada que se non lle botaban castañas, conchos ou cartos, daba fortes vareadas aos rapaces». Conchos «Nas casas tiraban polos balcóns, polas fiestras e polas portas castañas, conchos e cadelas. Onde máis castañas tiraban era na casa de Saco, na da Estafeta, na de Farroquito, na de Varela, na de Freixo, na de Florido e na do Barrio», di don Eduardo e engade que «a señora vella de Batallón tiña sempre un cesto de conchos para os rapaces e o Moreno (don Matías) tiráballes dúas ou tres presas de cadelas. O tendeiro Taide, que era un famento -e iso que estaba rico coma un chocho, fóra a alma- tentouno o demo un ano de tirar dous ichavos, pero os rapaces non só o aporrearon, senón que lle guindaron pedras ás fiestras e esnaquizáronlle os vidros». Esta referencia aos maios de 105 anos atrás serve de mostra da perda dunha tradición, do rompimento dun elo vitalista, que noutras vilas e cidades souberon conservar, e así vemos como Pontevedra ou Ourense, e moitas vilas da costa, manteñen unha fermosa tradición.