Crónica | Un festexo con arraigo crecente O mal tempo volveu acompañar a feira medieval monfortina pero, ao igual que o ano pasado, os chuvascos non apagaron a animación que reinou durante toda a xornada
15 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? mal tempo parece acompañar fatalmente a Feira Medieval de Monforte a pesar de que a xornada se celebra cada ano nunha data diferente. O festexo do pasado ano -que foi o 26 de marzo- tivo que desenvolverse en medio de inoportunos chuvascos. Onte repetíronse as condicións meteorolóxicas desfavorables pero, ao igual que sucedera na última edición, as rúas do casco vello monfortino viviron unha animación constante durante toda a xornada. O primeiro xarro de auga fría caeu a última hora da mañá, nun momento en que a praza de España e as rúas próximas estaban abarrotadas de xente. Pouco tempo antes, o alcalde Severino Rodríguez, pronunciara na praza de España un pregón no que rememorou ás máis coñecidas figuras da historia medieval de Monforte e avogou pola cooperación de todos os municipios da comarca por riba dos localismos. No momento menos oportuno, un intenso chuvasco provocou a fuxida repentina dunha boa parte dos asistentes. Non todos, porén, se deixaron espantar polos elementos. Moitos veciños e visitantes, de paraugas en man, continuaron visitando os postos de artesanía e observando atentamente a exhibición de aves de cetrería que se ofreceu diante da igrexa da Régoa. Outros preferiron gorecerse nos bares abertos na zona, onde puideron -no caso dun local improvisado que abriu nun baixo da rúa Ricardo Quiroga- beber acomodados rusticamente sobre balas de palla. A primeira hora da tarde o tempo mellorou e a zona onde se celebraba a Feira Medieval volveu encherse de xente. A chuvia volveu facer acto de presenza arredor das seis, dispersando momentamente a multitude. Con todo, o mal tempo non puido superar ás ganas de divertirse e o tránsito de visitantes seguiu sendo elevado durante o resto do día. Como nas anteriores edicións, non foron poucos os asistentes que se animaron a vestir traxes de época, alugados ou confeccionados por eles mesmos. O programa de actividades non presentou grandes novidades con respecto á anterior edición, excepto algún detalle como o de mudar de lugar as exhibicións de cetrería, antes celebrada na praza de España. Ao igual que o ano pasado, os visitantes tiveron ocasión de praticar tiro con arco e de presenciar actuacións musicais, de malabaristas e equilibristas e demostracións de elaboracións de produtos tradicionais e de oficios antigos. Unha sesión de fogos de artificio e unha cea popular no parque dos Condes foron o remate da xornada.