TRIBUNA | O |
30 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.OS ACCIDENTES de traballo coma o que vén de producirse no polígono lucense do Ceao non deixan de acontecer na provincia. Nesta ocasión, o traballador, malia a caer ao chan, só resultou ferido debido á pouca altura. Pero non sempre hai tanta sorte. Como non podería ser doutro xeito, os sindicatos advirten e din que os accidentes se deben, principalmente, ás nefastas condicións laborais de moitos traballadores. Contratas, subcontrata, emprego temporal, etcétera Segundo un informe da propia Consellería de Traballo, un traballador fixo ten moitas menos posibilidades de padecer un accidente ca outro que estea en situación temporal. Se sabemos a causa, créese emprego estable e póñanse paos nas rodas dos contratos por días, horas ou meses, ¿non é? Porque fíxense no dato. Malia que o número de incidencia foi menor, sen embargo, en 2005 houbo en Galicia máis de 48.000 accidentes laborais, dos que 103 resultaron ser de morte; 20 deles na provincia de Lugo. Precisamente é das galegas a nosa a que experimentou un maior incremento de sinistros perante o ano pasado. Descontado que a vella Lei de Prevención de Riscos non foi quen de acadar os resultados agardados, non é estraño, polo tanto, que co gallo de cambiar a situación actual a consellaría do ramo queira botar a andar o Plano Estratéxico en Seguridade e Saúde Laboral. Anque xa conviría que Administración, axentes sociais e mailos empresarios tomaran cartas no asunto, dada, como vimos dicindo, a sinistralidade. Que é maior e engade máis accidentes mortais se nos referimos á industria, ao transporte por estrada e á construción. ¿Por que non se está a cumprir a normativa en seguridade laboral? En moitos casos é así, mais de facelo, moitos dos accidentes poderían terse evitado e evitaríanse outros novos.