O antigo refuxio dos leprosos

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | O Hospital de San Lázaro Esta institución estuvo aberta ata o ano 1700 para atender os enfermos de lepra e despois continuou axudando aos peregrinos ata finais do século XIX

18 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O sarriao Francisco Vázquez Saco, membro da Real Academia Galega e correspondente da de Historia, foi quen primeiramente dedicou atención ao Hospital de San Lázaro, que estivo aberto entre o século XV e o ano 1700, uníndose seguidamente as súas rendas -ao desaparecer a lepra na zona- ao Hospital de Santo Antón Abade, dedicado á atención aos peregrinos. Constituiuse así a chamada Obra Pía, que aínda a finais do XIX e relacionada xa exclusivamente coa escola pública, se mantivo na vila. Este hospital de leprosos de orixe descoñecida, se ben estivo baixo a tutela da Xustiza e Rexemento da vila baixo a protección e inspección dos condes de Lemos e dos bispos lucenses, estaba situado extramuros de Sarria, na parroquia de San Pedro de Maside. Conserva a súa presenza na toponimia local no nome do barrio e da rúa de San Lázaro. Non queda do seu emprazamento outro vestixio que a capela do santo patrón dos leprosos, obra do século XVIII embelecida cun moderno cruceiro que sinala o paso do Camiño Francés a Compostela. Documentos Vázquez Saco manexou un amplo legado de documentación referido a contas, hoxe desafortunadamente desaparecido. Nas do ano 1561, as máis antigas por el consultadas, figuraba a esmola recadada na festa dos Santos, e nas de 1689 consignábase a que procedía das candelas do Santo o día do patrón e da feira. Do legado de 452 folios que levaba por título Libro de cuentas de San Lázaro perdeuse toda referencia, descoñecéndose o seu actual paradoiro, e nel estaban as contas desde 1561 ata 1689 e contiña notas curiosas que nos levarían anos atrás. As ordenanzas do hospital esixían para o ingreso dos leprosos unha certificación facultativa que acreditase a súa enfermidade. Algunhas referíanse a apestados de fóra da rexión, pero eran máis abundantes as de enfermos da comarca, o que demostra que non estaba a zona libre da lepra. Antes de decretar a admisión, facíase inventario dos bens do candidato a base dunha declaración xurada do mesmo. Pola súa banda, os leprosos non regateaban a súa xenerosidade á benéfica institución que os acollía. Rexistrou Vázquez Saco doazóns e mandas feitas ao Hospital de San Lázaro polos que alí recibían asistencia e delas transcribiu unha que se conserva no Archivo Histórico Nacional, procedente do mosteiro da Madalena de Sarria. A maior parte dos caudais arrecadadas coas distintas doazóns poñíanse a censo, beneficiándose deles os membros das familias destacadas da comarca. Arredor de 1872 redimíronse as últimas rendas. Feira anual A feira anual de San Lázaro, promovida polo hospital, era de grande importancia para Sarria, aínda que se celebraba extramuros da vila en terra de Maside e xunto coa de Vilamaior ata 1820 foron as únicas que tiñan lugar na xurisdición. Mantivéronse ata 1960 arredor do edificio actual, de pequenas proporcións e fábrica moi humilde, sendo reminiscencia das festas que mentres que estivo aberto o hospital de leprosos lle tiñan o seu excelso patrón, xa que desde tempos inmemoriais víñanse celebrando o Domingo de Paixón ou de Lázaro e desde hai varios anos se celebra neste barrio a feira das antigüidades.