TRIBUNA | O |
08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SE VOSTEDES repararon nunha noticia publica onte neste diario, xa saben que Renfe vainos facer un pequeno regaliño: mellorarnos a chatarra ambulante que circula cada noite, sobre as once, con dirección a Madrid. Pero non nos fagamos ilusións. O grande investimento en infraestrutura ferroviaria que de momento nos vai tocar aos lugueses/as vai ser só, polo visto, en pintura e tapicería. Xa se sabe que os pintores e tapiceiros fan milagres. Se son capaces de deixar aparentemente como novos mobles cheos de couza, seguro que converten o tren do ferruxe en ouro. Anúnciannos moita pintura pero o expreso vai seguir tardando nove horas en levarnos a Madrid ou traernos. Parece que estes son os tempos de modernidade que se nos aveciñan. Vaiche boa. Cústame crer que o mencionado tren teña unha ocupación do 60%. Se é así, aínda quedan seareiros dabondo do ferrocarril, porque pasar nove horiñas metido nun vagón con apenas ningún tipo de servizo non é para todo o mundo, máxime tendo en conta que por menos prezo é posible ir máis cómodo, non digo en menos tempo. Estou a referirme ao avión, pero xa saben os problemas da controvertida T-4. Cando nos anos setenta os quintos utilizaban este expreso para ir á mili, tardaba exactamente dúas horas máis que agora. Imos progresando. Ao mellor, se seguimos esta progresión, no 2010 tarda só oito. Tal e como van as cousas esta marca ferroviaria sería un verdadeiro éxito. Outro día falaremos do «Estrella de Galicia», que vai a Barcelona. Non me dirán que non se cubriu de gloria o que bautizou ese tren con tal nome. Por se non o saben, non é raro o día que non acumule un retraso mínimo dunha hora. Habitualmente son tres, catro, ou máis. Se un día pasan pola estación lucense a iso das oito menos dez da tarde verán a ferruxe rodante.