A cinco meses

ANDRÉS PAVÓN

LEMOS

TRIBUNA | O |

24 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CONVERXEN estes días tres eventos seguidos con moito interese en Chantada: o Entroido, a Feira do Viño e o Mundial de Fórmula 1. Precisamente este último faime lembrar ao gran esquecido de setembro a xullo, o Folión. ¿Onde quedaron todas as promesas que fixemos antes, durante e despois do desfile de carros? ¿Quen fixo o censo de xugadas de vacas? ¿Quen puliu e engrasou os eixes e as rodas para que o inverno non as danase? Resposta común: se a directiva pasa de todo... Non se trata de saturar ao persoal -como fai Telecinco dando detalles sobre as arandelas dos enganches das buxías dos coches de F-1- pero si de ir tendo todo a punto para que, chegado o momento do desfile, poidamos ofrecer o mellor espectáculo posible: dende unha carpintería milimetrada a unha escenificación ben executada. Lembremos que o Folión é único e exclusivo de de Chantada e que nos compete a todos. Aproveitemos a efervescencia que estes días adicamos aos disfraces e a reclutar visitantes para a Feira e a que adicarán moitos á procesión dos Caladiños para que non decaia a actividade, e comecemos entre todos a planificar o Folión. Co Museo da Emigración no limbo e en ausencia do canon enerxético, recurramos á nosa condición de cidadáns e fagamos o que está na nosa man para levantar Chantada e facela atractiva.