Homenaxe a unha vida exemplar

Luis Díaz
Luis Díaz MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | No centenario de Cesáreo Saco Un coloquio servirá para celebrar o próximo venres en Monforte o nacemento dun dos fundadores do Partido Socialista Galego

05 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A concelleira de Cultura de Monforte, Alicia Cadarso, anunciou onte a celebración dun coloquio sobre a figura de Cesáreo Saco, fundador do Partido Socialista Galego, coincidindo co centenario do seu nacemento. No acto conmemorativo, que terá lugar o próximo vernes, a partir das oito da tarde na casa de cultura, intervirán Xosé Manuel Beiras, compañeiro de militancia política do homenaxeado; Salvador García Bodaño e Manuel Caamaño, colaboradores seus no proxecto Escola Aberta ; Acacio e Fernando Saco, familiares do ilustre galeguista; e José Magín, que fora alumno da academia dos irmáns Saco. Á marxe da convocatoria municipal, os seus antigos alumnos teñen previsto conmemorar a efemérides cunha misa, á unha do mediodía na igrexa dos Escolapios. Posteriormente, participarán nunha comida de confraternidade. Nacido no Saviñao e residente en Monforte a maior parte da súa vida, Cesáreo Saco desenrolou unha gran actividade política e cultural antes da Guerra Civil, pola que foi represaliado no réxime franquista. No ano 1964 participou na fundación do Partido Socialista Galego e en 1986 recibiu o Pedrón de Ouro en recoñecemento á súa traxectoria. Para a concelleira Alicia Cadarso, recuperar a figura deste significado galeguista «ven moi ben para aprender dun personaxe modélico en todas as facetas, agora que a vida política está tan crispada». Acacio Saco, sobriño do homenaxeado, leu na presentación do coloquio unha adicatoria do poeta Xulio López Valcárcel que recibiu co seu último libro, e que resume moi ben a figura de Cesáreo Saco: «Foi exemplo de dignidade, coherencia e honestidade. En tempos marcados pola barbarie, soubo estar en pé coma unha árbore senlleira».