TRIBUNA | O |
08 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.¡FROTO os ollos e non dou creto! Volvo frotalos: ¡Anxo Moure, un pacifista acusado dun delito de resistencia á autoridade e dunha falta de lesións! Anxo Moure, defensor dos dereitos e das liberdades, cunha pancarta de adeus ás armas, cunha máscara de porco no rostro, de pé nun muro, quieto. Abaneado polas forzas de seguridade do «ex ciclón Fraga», como as pólas dos castiñeiros no Hortensia, tendidas no chan, indefensas dos ventos afuracanados, ¡detido por perigoso!, e a arma homicida é unha simple pancarta e unha máscara. ¿Tanto dano se pode facer con eso? ¿En qué sociedade vivimos? ¿Onde están os dereitos esgrimidos polos defensores da Constitución, ou é que a Constitución non tén dereitos? ¿Onde van os dereitos de manifestación, de liberdade, de honra, de integridade física e moral, liberdade de expresión...? ¿Acaso están tinxidos e tapados polo negro chapapote que asolagou as nosas costas? Dende aquí quero facer pública a máis rotunda protesta ante a actitude que seguen a mostrar determinados grupos que non comprenden o significado da verba democracia, nin que estamos en tempos de libre expresión e onde o respecto polas persoas está por riba de calquera interese económico, político, militar ou partidista. Respecto que Anxo Moure demostrou ao longo da súa andana como defensor dos dereitos e liberdades a través de diversos colectivos pacifistas e ecoloxistas. A impunidade con que poden actuar determinados corpos e forzas de seguridade do Estado é lamentable, como tamén o é actitude dos nosos políticos de Chantada, algúns alí presentes, pasivos e impasibles. Como tamén o é que se dea crédito ás súas declaracións, nunca postas en tea de xuízo. ¿Para onde mira a fiscalía? ¿Para onde miramos todos? Anxo Moure xulgado por violencia. Paradoxos da vida.