Máis dun século de entrega

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Historia da asemblea local da Cruz Vermella en Sarria O primeiro presidente foi Camilo García Vaamonde, nomeado o 16 de outubro de 1898. Posiblemente sexa a asociación máis antiga da comarca

05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A noticia máis antiga que hai recollida sobre a Cruz Vermella sarriá, refírese a don Camilo García Vaamonde e Macía, e di: «O 16 de outubro de 1898 foi elixido presidente da humanitaria e caritativa asociación Cruz Vermella no distrito de sarria, cargo que desempeñou e aínda desempeña con recoñecido celo, polo que a asamblea suprema da Cruz Vermella Española lle concedeu o Diploma de Gratitude». Está tomada dunha semblanza, publicada en 1901, na que se conta a vida deste ilustre sarriao, esposo que foi de dona Concepción Ulloa Lois, benefactora do pobo de Sarria e en especial da orde dos mercedarios. Posiblemente esta asociación, que é a única que pervive con orixe no século XIX, nacera xa con anterioridade en Sarria, tendo en conta a tradición humanitaria da vila, pois ata nove hospitais se contan o longo dos séculos no que hoxe é o actual concello, e esa tradición facilita a súa instalación e presenza. Con ocasión das guerras coloniais de Cuba e Filipinas, anteriores a 1898, diante da petición dun concelleiro inflamado de belicismo que pedía facer unha cuestación para regalar fusís mauser para o exército, a proposta doutro edil, adoptouse o acordo de reunir fondos para atender aos feridos e soldados necesitados, xa dentro da liña da filantrópica institución da Cruz Vermella. E así cando pola estación pasaban trens con soldados repatriados houbo un dispositivo local de atención aos soldados que, máis que posiblemente, debeu estar atendido por voluntarios baixo a cruz identificadora do seu labor asistencial. Hai unha longa lagoa documental entre 1902 e 1950, só salvada coa actuación recadadora de fondos nos anos 1920 e 1930 darredor da fecunda labor de Villa Andrea e Rosa María de Oñate, e ata os anos 1950-60 a Festa da Bandeiriña será a única referencia visible da Cruz Vermella, sempre con ocasión coa festa do Concello (Corpo de Cristo) e a instalación de mesas petitorias presididas por damas significativas e ainda de peticións polas empresas, remitindo os fondos obtidos ás instancias superiores, serán a única mostra do espírito colaborador dos sarriaos. Estas actuacións están neste tempo moi impregnadas de oficialismo, e a súa inspiración e dirección virán directamente desde o Concello, circunscribíndose únicamente á vila de Sarria. Pasada a Guerra Civil a tónica seguirá sendo a mesma ata que as presidencias de dona Clementina López Acevedo López, don Laureano Álvarez Armada e Amando Losada Losada supoñen a consolidación da asamblea local, incrementando a súa presenza e participación, coa dispoñibilidade de locais cedidos pola Xefatura de Estradas en Callás, e polo Concello na rúa Ánxel Fole, pois o proxecto de facer unhas instalacións fixas en Balmao, en terreos que para ese fin cedera don Manuel González Zaera, non se levou adiante por non haber fondos. Na década de 1980 a prestación de novos servizos e a colaboración de voluntarios e de rapaces que fixeron a prestación social sustitutoria do servizo militar nas dependencias de Callás e da zona escolar, ata que o servizo militar deixou de ser obrigado, permitiron que a imaxe dos labores sociais fose moi visible. A remodelación da actividade asistencial nos últimos anos agora na sede social da rúa Calvo Sotelo (Vigo de Sarria) con servizo activo de ambulancias para emerxencias, a presenza en eventos deportivos e sociais e aglomeracións, tanto na vila como fora dela, o reparto de alimentos procedentes da excedentes comunitarios, organizacións de cursos formativos impartidos por profesionais, atención a sectores marxinais e agora tamén a inmigrantes, son outros tantos testemuños do traballo levado adiante pola asamblea local da Cruz Vermella.