Un tardío adeus aos quinqués

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Noventa anos da chegada da electricidade a Sarria As empresas Eléctrica Sarriana e Eléctrica do Toleiro competían hai case un século por proporcionar servizo aos poucos sarriaos que o solicitaban

15 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que os sarriaos somos moi dados á fachenda, a electricidade chegou a Sarria vinte anos máis tarde que a outras vilas lucenses de semellante categoría. Ninguén quería arriscar na empresa e quinqués, velas e candís nas casas e farois de petróleo nas rúas e prazas acompañaron a vida dos vilegos ata que en abril de 1915 Antonio Martínez Rodríguez, veciño de Paradela, e Xosé Antonio Gayoso Sánchez colleron a teima de seren os primeiros en facilitarlle á veciñanza o alumeado eléctrico e a forza motriz para os obradoiros. Como sempre sucede en Sarria, cando Xosé Antonio Gayoso (Marzán) coidaba ser o único que matinaba nesa mellora, saiulle a competencia, e mentres Marzán preparaba unha central eléctrica movida por gas pobre, aproveitando a experiencia que con ese combustible tiña xa deste 1913 no seu muíño de Marzán-Barbadelo, Antonio Martínez e os seus irmáns andaban xa argallando en instalar no muíño do Toleiro a súa central, e un e outros déronse toda a presa para instalaren as redes de distribución e iniciaron unha guerra de captación de abonados. En xullo de 1915 comezaron as primeiras probas de centrais e distribución e a calidade do servizo decantouse a favor da Eléctrica Sarriana, de Xosé Antonio Gayoso, pois o río Sarria daba escasa potencia motriz á Eléctrica do Toleiro. O 27 de setembro, o Concello, tendo en conta que o alumeado público estaba en probas, acorda que ese servizo «continúe na forma actual por electricidade e co número de luces establecidas e durante as horas que agora están alumando, ou sexa de sol a sol e por cuxo servizo se abonará a Eléctrica Sarriana 225 pesetas mensuais por conta da partida consignada para alumeado por electricidade no vixente orzamento, dende o 1 do corrente mes de setembro ao 31 de decembro do corrente». Para 1916 o gasto en alumeado eléctrico do Concello foi de 2.000 pesetas e ese subministro correría a cargo de Eliseo Díaz Pérez, como intermediario distribuidor. En novembro de 1915 a Eléctrica do Toleiro funcionou a bon rendemento e a loita competencial entre as dúas empresas levou a que se dese o paradoxo de que por moitos meses os veciños tiveran luz gratis. A Eléctrica Sarriana tiña a súa central na rúa de San Lázaro, nun edificio que estivo en pe ata hai poucos anos e que estaba a carón das antigas oficinas de Fenosa. Esta central, a causa da suba de prezos dos combustibles debido a Guerra Mundial, empezou a arrastrar perdas, que en 1921 eran máis de 60.000 pesetas. Por esa razón Gayoso puxo todo o seu interese en contar cunha central hidroeléctrica levando á realidade o proxecto ao adquirir a concesión perpetua da presa de Fondoril, no ría Neira, e facer a central de Paradela, en San Xoán de Muro, de onde saían dúas liñas de alta, unha cara a Sarria e outra cara a Pobra de San Xiao.