Reportaxe | Un posible itinerario turístico cultural O habitual itinerario de paseo do escritor Ánxel Fole, entre as localidades de Hospital e Cruz do Incio, pode servir de base para unha peculiar ruta literaria
03 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.? Xunta de Galicia estuda desde hai pouco tempo unha proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega para promover rutas de turismo cultural dedicadas aos escritores galegos. Este tipo de rutas literarias -algo común en moitos países- artículanse en torno a lugares onde viviron escritores célebres ou onde estes se inspiraron para crear as súas obras. Polo momento, o único parecido a isto que existe no sur lucense non é propiamente unha ruta sinalizada, pero podería selo sen moitas complicacións. No Incio, desde hai xa bastantes anos, leva o nome de rúa de Ánxel Fole o final da estrada que une a capital do municipio coa localidade de Hospital, onde residiu o escritor lucense mentres viviu no Incio, que lle inspirou o seu coñecido libro Terra brava . Este traxecto era percorrido a pé con moita frecuencia por Fole para ir de Hospital á Cruz do Incio. Aínda quedan veciños que recordan a súa figura pasando pola estrada cun caxato de gran tamaño, que, segundo o escritor, tiña a finalidade de escorrentar os cans que puidese atopar no camiño. Durante estas camiñatas, Fole detíñase a miúdo a falar cos veciños que encontraba, nunha das moitas conversas que seguramente influíron na súa obra, pois Terra brava foi escrita nunha linguaxe moi próxima á fala popular do Incio. Camiñata Para seguir a ruta dos paseos de Ánxel Fole hai que situarse xunto á igrexa románica de Hospital. A estrada que leva a Cruz do Incio, aínda que tranquila, ten hoxe bastante máis tráfico que nos anos cincuenta, a época en que andaba o escritor por estas terras, de maneira que se precisa certa precaución para percorrela. Porén, ao longo dos dous quilómetros que hai entre Hospital e Cruz do Incio, a paisaxe non experimentou aparentemente ningún cambio radical nas últimas décadas. As marxes da estrada seguen estando abundamente poboadas de árbores na maior parte do traxecto. Tan só algúns piñeiros de repoboación, algunha edificación máis moderna e algún remendo de ladrillo nalgunha construción desentoan co aspecto tradicional do entorno. A situación cambia un pouco ao chegar a Cruz do Incio. Precisamente no lugar onde está o letreiro que indica a situación da rúa Ánxel Fole -nome que adquire neste tramo a estrada LU-642, antes de atravesar o núcleo urbano- son visibles nas marxes da calzada varias construcións pouco acordes coa tradición arquitectónica local, incluíndo un almacén de paredes de ladrillo e tellado de chapa. Exceptuando as alteracións sufridas pola paisaxe neste último tramo, o percorrido da ruta pode dar unha idea bastante exacta da paisaxe que podía contemplar o escritor cando meditaba, seguramente, nas narracións de Terra brava .