Crónica | Literatura medieval na vila xacobea O máis destacable da producción de Afonso Gómez é que constitúe un dos poucos poetas galegos que alude nos Cancioneiros ás vicisitudes políticas da época
01 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Ó longo dos séculos ten habido sarriaos destacados nas artes e nas letras, froito da apertura de miras que deu sempre o feito de estar aberta a comarca á beneficiosa influenza do Camiño Francés. No Cancioeiro da Vaticana aparecen dúas composicións de Afonso Gómez, ó que chaman "jograr de Sarria". As dúas composicións son de maldizer ou escarnio. A máis coñecida, por ter sido reproducida frecuentemente, é unha sátira sanguenta contra o tamén xograr Martín Moxa, cuia longa vida é o branco preferido polo xograr sarriao para as súas bulras. Moxa pasou longos anos en Portugal, onde foi xograr na corte real de don Afonso III, e é de supoñer que por alí andase tamén Afonso Gómez. Nesta hipótese, poido ser testemuña dos sucesos que causaron a deposición de Sancho II Capelo, a cuxo período alude cecais a segunda cantiga na que o troveiro sarriao flaxela despiadadamente as lacras da sociedade na que viviu. Menéndez Pidal , que apunta esta suxerenza, cre máis ben que as diatribas desta cantiga de Afonso Gómez se refiren á anarquía dos derradeiros anos do rei de Castela don Afonso Décimo o Sabio. En calquera das hipóteses, o certo é que o xograr de Sarria é un dos poucos poetas galegos dos Cancioeiros que aluden nas súas composicións ás vicisitudes políticas da época, e esta circunstanza destaca a súa producción, aínda que teña chegado a nós en tan cativa cantidade. Don Francisco Vázquez Saco adicou especial atención a Afonso Gómez no seu artigo Sarria en los Cancioneros Medievales , destacando a posible existencia dunha escola sarriá xograresca, por atribuírlle tamén nacenza sarriá a Pero da Armea , xograr este que outros autores ubican na Armea betanceira. A esta posibilidade da existenza dunha "escola" non sería alleo o feito de que en Larín, na "Casa do Rei", poidese haber unha pequena corte darredor dos meiriños reais e condes, tan próximos á familia real. A cantiga ridiculizadora de Moxa, di: "A Gómez, jograr de Sarria, fez esta cantiga a Martin Moxa:/ Martin Moxa, a mia alma se perca/ polo foder, se vós pecado avedes,/ nen por boos filhos que fazedes;/ mais avedes pecado pola erva/ que comestes, que vos faz viver/ tan gran tempo, que podedes saber/ moi ben quando naceu Adan e Eva/ .../ Nen outrosi dos filhos barrados/ non vos acho i por (gran) pecador,/ se non dos tempos grandes traspassados, / que acordades, e sodes pastor./ Dized'ora, se vejades prazer:/ de que tempo podiades ser,/ quando' estragou alí o Almançor/ .../ De profaçar a gente sandia/ non avedes por que vos embargar/ nen por que filhardes en vos pesar,/ ca o non dizen se non con perfía./ Dizedem'ora, se Deus vos perdon,/ quando nacestes vos?. Ant' a sazon/ que encarnou Deus en Santa María/ ... O concello de Sarria, hai xa ben anos, acordou darlle o nome de Rúa Xograr Afonso Gómez á popularmente coñecida como Corga do Rosquilleiro, porque Leonardo Prieto alzou nas inmediacións un forno de pan, en 1931, levando o nome do xograr no treito que vai da Rúa Pedro Saco á Rúa Nova, que é hoxe unha ruela sen acondicionar, e era en tempo un carreiro que desde a Corga de Vales (hoxe Rúa Pedro Saco) ía cara as Cortiñas do Mazadoiro, atallando así o traxecto da carreira. Tamén lembra a aquel xograr sarriao o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria. Malos entendidos Froito dunha mala lectura foi que algúns autores lle desen ó poeta o nome de Álvaro Gómez, incorrecta denominación xa corrixida polos críticos máis reputados. Nese período medieval, ó falar da Terra de Sarria, hai que se centrar no espazo delimitado por Ferreiros, Berselos, San Pedro de Armea, Francos de Baralla, Bande... é dicir, a terra entre os ríos Neira e Sarria, con sede xurisdicional en Larín ("Comes in Larín" era a titulación dos condes sarrienses). Por iso cando se fala de "jograr de Sarria" hai que pensar máis en que a súa nacenza tivese lugar na "Terra de Sarria" e non na Vilanova de Sarria, que aínda andaba dando os seus primeiros pasos como vila asentada no Camiño das peregrinacións. Afonso Gómez é, sen dúbida, o sarriao de orixe máis destacado no século XIII, que como tantos outros, máis adiante, desenrolou o seu labor en terras lonxanas.