A beleza feminina en Sarria

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | A elección de Miss Unión 1933 foi un símbolo progresista As mulleres comezaban a ter presenza en tódalas esferas da vida pública e a ser donas de si mesmas, desafiando a unha sociedade pechada e chea de prexuízos

20 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A «sociedade sarriá» o «todo Sarria» de moitas décadas atrás (a do Circo, a do Casino, a de La Unión e o Círculo Recreativo), iniciara en 1903 o procedemento de elección democrática («censitaria») de Miss Sarria. Foi o semanario Noticiero Sarriano quen recolleu, 102 anos atrás, a votación da mocedade sarriá, baixo curiosos ripios («Reunidos unos cuantos señoritos / te mandamos juntos seis votitos»), que acabaron, unha vez feito o reconto, coa proclamación como raíña da beleza sarriá dunha fermosa moza da familia Vázquez Gayoso , que, ¡cousas da vida!, acabaría meténdose monxa e exiliada en Italia nos duros anos da guerra civil. Tiñan fama as mulleres sarrianas de seren de admirable beleza, e así o primeiro Libro-Programa das festas de San Xoán dotado de sentido artístico, o de 1932, na contraportada presentou un ramalliño de mozas da vila (interclasista, hai que dicilo, que xa eran tempos de república democrática). Nesa presenza da muller en todas as esferas da vida pública (dereito ó voto incluído) que aquel período propiciou, a Sociedade La Unión, moi posta en darlle protagonismo ás féminas, organizou un concurso para elección de Miss Unión , que en incruenta batalla foi gañada por María Luisa Quiroga Vázquez , Nena Quiroga . Naqueles politizados tempos, nos que a familia Saco exercía un manifesto control da cousa pública local e comarcal, con un marcado tono festivo e aproveitando esa elección de Miss Unión 1933, o sarriao Xullo Páramo , remesou dende Madrid o semanario local Loita unha composición poética na que, felicitando á gañadora, alude a esa omnipresenza controladora dos Saco, felicitándose da «limpeza» da elección fronte ó intervencionismo e teledirección que se daba nas eleccións a concelleiros, non tan limpas e correctas, por non dicir «trucadas». Alude tamén o poema a dous mozos que tiñan protagonismo na vida social sarriá, Nestor e Casiano Pérez-Batallón , e ó admirable apóstolo da filantropía e o desinterese, don Ricardo Núñez , o popular médico «dos tolos», incluídos «os tolos por amor». Os anos do comezo da andadura de La Unión en Villa Aurelia (o palacete e parque de Venancio Vázquez na rúa Matías López), foron de intensa vida social, consolidándose a Sociedade como un espazo aberto e democrático, fronte ó ambiente máis pechado e clasista do Casino. Curiosamente os que poderiamos chamar fillos das «familias ben», integráronse na nova sociedade, nun aperturismo meritorio. Mais o enrarecemento das controversias políticas, tres anos despois, daría ó traste con aqueles afáns de enriquecemento cultural e social, co establecemento de novos modos convivenciais, e despois do luctuoso suceso dos últimos días de xuño de 1936, e as consecuencias da loita fratricida, introduciron distorsións que, grazas á fidelidade dos socios ós principios fundacionais, non conseguiron que a Sociedade, na medida do posible, deixase de ser un foro aberto e unha escola de participación, fronte ás consignas e os intervencionismos. En 1933, a elección de Miss Unión foi o recoñecemento da valía de aquelas mulleres que cursaban estudos medios superiores, que votaban nos procesos electorais, que vestían á moda, que xogaban ó tenis, que facían excursións cos rapaces e que no Chanto ou na Veiguiña desafiaban con bañadores como os das artistas de cine a unha sociedade pechada e chea de perxuízos. Elixir unha miss que representaba a beleza e a intelixencia da muller sarriá, era en 1933 símbolo de progresismo. Por primeira vez as mulleres de Sarria empezaban a ser donas de si.