NO OUTEIRO | O |
19 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FACER máis ferida non había ser atinado. Pola contra, reparar o dano, rehabilitar na honra ás persoas que por pensares distinto sufriron a represalia logo do levantamento do 36, si é de obrigado cumprimento. Cómpre recuperar, polo tanto, a memoria histórica de Galiza. A nosa memoria colectiva. Un traballo aínda en cueiros aquí no país. Así o fixo ver o vicepresidente da Xunta. Anxo Quintana foi máis aló e avogou pola creación da Comisión da Verdade e da Memoria. Salientable é que con tal se pretenda homenaxear e restaurar a honra de todos os «alexandres bóvedas». Lembremos, xa que falamos de memoria, que represariados hainos vencellados a ningunha en concreto ou a diferentes formacións políticas. A reparación debe chegar a cantos houber anónimos en iguais ou semellantes circunstancias á de Bóveda. Neste senso, é de xeito facer mención, tamén, da ardua labor da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que vén de exhumar os restos de quen fora rexedor de Castro de Rei, Severino Rivas Barja, republicano, apreixado en Lugo e asasinado en Portomarín. Corría un ano tristeiro, 1939. Non fican eiquí os traballos da asociación. Os arqueólogos tiveron a ben facer outro tanto no monte da Penela, no Vicedo. Alén da nobreza do feito en si, preténdese desenterrar o que acotío, tristemente, non só quedou esmorecido na memoria colectiva.