Unha patroa con moitos nomes

César Carnero MONFORTE

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Reportaxe | Peculiar tradición de Monforte A imaxe da Virxe de Monserrat conservada en San Vicente do Pino posúe a rara característica histórica de ter sido venerada baixo múltiples advocacións

15 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?e todos é sabido que Monforte celebra as festas patronais cada 15 de agosto, na honra de Santa María baixo a advocación de Monserrat. Probablemente, coa incorporación de San Vicente á reforma monástica emprendida polos Reis Católicos chegaron a Monforte monxes do célebre mosteiro catalán que morriñosos comezarían a invocala como á moreneta catalá. Nome que doutra banda estaba en consonancia coa situación do cenobio monfortino, no pino do monte (de aí o nome) que foi «aserrado», explanado para construír a igrexa e o mosteiro. A talla da Virxe, de estilo gótico, de 22 centímetros de alto e 10 centímetros de peana preséntanos a María de pé, co Neno sentado xoguetón e mimoso, como querendo bicar á Nai. Unha sinxela coroa os casqueta cubre a cabeza, caéndolle os longos cabelos a ambos os lados da cara e por detrás, coa man esquerda (perdida a orixinal) recolle o manto, de coidados pregos, que deixa ver soamente a punta do pé dereito. Atópase repintada tras a última restauración sufrida no século XIX, despois do incendio ocorrido durante a novena de agosto de 1884. Nin que dicir ten que hoxe é imposible ollala tal como foi concebida polo anónimo artista, dado o costume de vestila con ricos panos desde o século XVII. É sumamente curioso o feito, único que eu coñeza, de que unha única e mesma imaxe da Nai de Deus reciba dos fieis diversas advocacións ou nomes, non só a través da historia senón ao mesmo tempo: Nosa Señora de Monserrat, Nosa Señora da Escravitude, Nosa Divina Pastora, e tamén era a imaxe titular da última confraría mariana erixida en San Vicente en 1854, fundada polo benedictino frei Joaquín López Corujo, párroco de San Vicente, baixo o título do Santísimo e Inmaculado Corazón de María. E cremos que tamén foi a imaxe titular da importante Confraría do Rosario, afincada orixinalmente en San Vicente e trasladada despois ao convento dominico de San Xacinto (a actual igrexa da Régoa), avanzado o século XVII, da que eran confrades e foron mordomos os sétimos condes de Lemos. Esta multiplicidade de advocacións e confrarías cunha mesma imaxe da virxe conlevaba, para evitar disputas, unha coidadosa regulamentación da que queda constancia no regulamento da Confraría de Nosa Señora da Escravitude, fundada en 1656. Longa tradición Esta tradición longamente testemuñada de invocar «la misma ymagen... en un mismo altar y capilla» con nomes diversos e con distintas confrarías que a tiñan por imaxe titular, expresaba visiblemente como María, nai de Xesús, aínda que se invoque e recibe culto baixo diversas advocacións e unha única Nai de Deus, evitando nos fieis confusións que ás veces raian na herexía. ¡Unha boa proba do saber facer pastoral dos monxes monfortinos! Como dato curioso, sobre as vestimentas da imaxe, digamos que a máis anterga conservada é un traxe de peregrina (¡logo tamén era invocada como a Divina Peregrina!): un terno composto polo manto da virxe, o avental e a capa do Neno, realizado en seda marfín, bordada en sedas de cores e toques de fío metálico, confeccionado en Monforte na segunda metade do século XVII, empregando seda local da que o licenciado Molina, na Descripción del Reyno de Galizia (Mondoñedo 1550) di que «se cría y labra mucha seda y buena». Industria sedeira moi mellorada e acrecentada polo sétimo conde de Lemos, don Pedro Fernández de Castro. A estas vestiduras, conservadas hoxe nunha colección particular, hai que engadirlle os complementos aínda conservados en San Vicente: os sombreiro da Virxe e máis o do Neno, bordado co emblema xacobeo das vieiras, e o bordón que explica esa man un tanto desproporcionada que hoxe asoma entre as roupas.