Rumba (I)

ANDRÉS PAVÓN

LEMOS

TRIBUNA | O |

18 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

COA CHEGADA do calor aparecen os bardos do verán cos seus movementos de cadeiras, os seus ritmos frenéticos e as súas profundas líricas. Artistas da talla de David Bisbal, Bustamante, Chenoa, Enrique Iglesias e as réplicas máis ou menos elaboradas dos mesmos. Non cabe dúbida de que este tipo de músicas, ademáis de encher discotecas, contribúen co profundo da súa poesía a fomentar, se non a natalidade, si os intentos de acadala. Algúns exemplos disto que acabo de explicar: «Cuando llega el calor, los chicos se enamoran... a mí me gusta comer el mango bien madurito... a ella le gusta la gasolina, dale más gasolina, dale más gasolina». Sinxelo e directo. No ano 1992 as rumbas Amigos para sempre de Los Manolos e Gitana hechicera de Peret tamén se convertero en éxitos discotequeros e os estudosos deste xénero cubano-andaluz-catalán puxemos o grito no ceo. Afortunadamente, os directivos das discográficas decatáronse de que os ritmos baseados na tecnoloxía e nos componentes caribeños e aflamencados eran os axeitados para bailar no verán. A rumba clásica, a dos anos setenta, a de grupos e cantantes como Los Amaya, Peret, Bambino, Los Chichos... tiña unhas melodías que a facían apta para o baile, pero sempre tocada en directo e nun ambiente de complicidade entre público e intérprete. E en canto ás súas letras, introducían temas tabú naqueles anos do último franquismo, como o sexo, a infidelidade, a discriminación dos xitanos, o machismo... e todo iso camuflado baixo unha saba de falsa indiferencia e de sinxelos xogos de palabras. Hoxe, coas obvias diferencias, grupos como Muchachito Bombo Infierno ou Mártires del Compás retoman con gran acerto este xénero que moitos desprezan, pero que segue vivo e cheo de contido. Seguiremos informando.