Mistura de escritor e médico

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Reportaje | Manuel Arturo Pombo Arias Este prolífico sarriano, que profesionalmente exerce coma endocrino e profesor, remata de publicar a súa última obra, «El centeno nace bajo el invierno»

01 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Na ampla nómina de autores sarriaos, a quen pouca ou nula atención adicamos os seus veciños na maioría dos casos, agás con algún esporádico acto de presentación de última obra producida, tomamos agora coñecemento de que un sarriao destacado no mundo médico e científico, Manuel Arturo Pombo Arias, hai anos que ven tendo presenza como autor literario, uníndose a prolífica relación que hoxe presiden Camilo Gonsar e Carlos Esteban Deive, académicos da Galega e da Dominicana. A primeira obra literaria publicada por Pombo Arias é Haikus de los escritores muertos (2001), que presenta a primeira aportación a ese xénero de poesía dentro do noso país, analiza con precisión, condensada en aforismos, as circunstancias máis trascendentais que rodean ós seres humáns. Persoalmente non coñezo o contido destas dúas obras que prometo ler axiña, porque nada do relacionado con Sarria e os sarriaos debe sernos extraño ós que aquí vivimos. Coñezo sí a últimamente publicada El centeno nace bajo el invierno (Huerga Fierro Editores 2005), que xentilmente me foi remitida polo autor cunha sentida dedicatoria que agradezo. Nas súas 156 páxinas reúne esta obra 61 interpretacións vitalistas, con títulos como María Zambrano y a manera de prólogo: Una niña perfecta, Camino de Santiago, Confesiones de un interno, Neruda en el corazón, Generación del 68, La chica que vino del Este, Página en blanco, Azul marino con matices ... Son textos curtos que van encabezados por adicatorias especiais ou citas de moi diversos escritores consagrados que lle dan pé ó autor para introducirnos nunha obra que el califica como mestura de ensaio e memorias, onde aquí e acolá xorden memorias propias con interpretacións coas que se nos quere achegar ao que sucede na vida dos mortais, recollendo o espíritu que o autor sinala no comenzo da súa obra, que se abre cunha anotación do 23 e 24 de abril de 2004 para rematar coa de 30 de agosto ¿Diario?, ¿Autobiografía?, ¿Un xogo entre o real e o ficticio? Hai nomes, hai escenarios.. e o aviso de que as personaxes que aparecen no libro nin viven nin viviron nunca na realidade. Fermosamente editado El centeno bajo el invierno é unha obra para ser lida pausadamente porque o xogo da proxección persoal e da interpretación vivencial lévannos a unha percura da mismidade e a unha interiorización reflexiva. Sempre reforza a nosa sarrianidade, esa mesura de fachenda colectiva e de sana insatisfacción que é lecer autocomplacente e mágoa feridora, ver como un membro da nosa tribu Seurra abre camiños e se nos da na súa obra. Capacidade literaria Pombo Arias que tantos éxitos profesionais ten acadado na medicina e na docencia, amosa agora coas tres obras que leva publicadas unha grande capacidade para a creación literaria. É labor por facer o de dar a coñecer entre os sarriaos o labor dos seus escritores de familia, e en futuras entregas haberá que adicarlles a atención que merecen todos eles, ó tempo que vai unha suxerenza para o noso histórico foro cultural autóctono La Unión, para que se é posible organice unha xornadas literarias nas que teñan acollida os autores sarriaos (Sarria entendida como comarca de seu) de todos os tempos establecendo unhas xornadas das Letras Sarrias, a semellanza do que, dende hai anos, se ven facendo na Terra Cha luguesa. Sarria calidade... tamén nas letras.