Un traslado que esixe valentía

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Orixe e futuro do cemiterio municipal Ata de agora os problemas de espazo no camposanto fóronse arranxando con parches. É preciso prantexarse canto antes a súa clausura e buscar un lugar para facer un novo

14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Ata 1820, o mesmo que na maioría das parroquias galegas, os mortos de Sarria eran enterrados dentro das igrexas. Os corpos das igrexas de San Salvador e Santa mariña, segundo as categorías sociais, acollían os despoxos dos falecidos, de xeito que as persoas principais, pagando dereitos, ocupaban foxas na capela maior ou ó pe dos altares, mentras que os pobres de solemnidade -era o caso de Santa Mariña- serán enterrados na sacristía. Fora de sagrado, nos adros, estaba disposto o enterramento dos suicidas os réprobos. No mosteiro de Santa María Madalena estaba o lugar de enterramento escollido, pagando rendas e instituindo misas, polas familias fidalgas da comarca, aínda que na capela de San Lourenzo achaban acougo os corpos dos peregrinos que falecían camiño de Compostela. Na parroquia de Maside, no Hospital de San Lázaro, os gafos eran enterrados na capela ou no adro, segundo a manda económica que fixesen, e a 200 metros no souto de perto do río Celeiro, no actual camiño Francés, apareceron restos de enterramentos relacionados co lazareto. O primeiro concello constitucional (1820) seguindo as directrices sanitarias das Cortes e do Goberno, prohibiu o enterramento dentro das igrexas e houbo que habilitar para ese mester os adros, como sucedeu en San Salvador, onde en 1958/59 o facer a primeira sacristía apareceron osos soltos. A vila de Sarria con perto de 500 habitantes axiña tivo necesidade de habilitar un espazo específico para enterramentos e aproveitando os foxos e contrafoxos do vento sur da fortaleza fíxose o primeiro cemiterio xeral para a vila, que axiña resultou insuficiente. Cando se obrou no mercado gandeiro sairon á luz os osos dese primeiro cemiterio municipal. Cara 1870 o Concello acordou comprar parte do que fora a Horta do Pombal, dos frades agostiños, que pola desamortización pasara a mans de particulares, e fronte o mosteiro da Madalena, dando o Camiño Real e a Corga do Asno acondicionaron un espazo que na parte primeira e preferente foi señoreada polas familias máis destacadas da vila, que fixeron bons nichos en pedra e suntuosos panteóns. A maioría delas trinta anos despois o concello tívolles que lles reclamar pagasen pola ocupación, xa que dende o comenzo ese cemiterio fíxose con concesións de propiedade perpetua e non temporal. Un espazo delimitado por muros e con porta á Corga do Asno foi destinado a cemiterio civil e de disidentes , malia que o cemiterio foi sempre de promoción municipal, e non foi ata o tempo da II República cando se fixo desaparecer todo sinal de diferenciación. Como o crecemento da vila a partir de 1940 foi progresivo, nos anos 60, 70, e 80 houbo necesidade de ir facendo sucesivas ampliacións, de nula estética, e xa nos anos 90, logo de adquirir o resto da Horta do Pombal a Orde Mercedaria iniciouse unha nova ampliación. Entrementras sucedeu a feliz posta en valor do mosteiro da Madalena, o feito de que un monumento de tan alto valor cultural e arquitectónico que permanecía descoñecido, fose obxecto de boa rehabilitación e difusión, como elemento de significación xacobea, despertou a sensibilidade da cantos vían como os novos panteóns se ían achegando á noble edificación, traendo consigo a desaparición dun espazo previsto para praza frenteira ó mosteiro, praza que leva o nome de San Roque, porque así queda lembranza do antigo hospital de peregrinos aí existentes. A alarma diante do que semellaba atentar contra a significación do cenobio parece ser achou resposta na sensibilidade municipal, comprometéndose o alcalde, a introducir as reformas precisas para que a ampliación do cemiterio municipal sarriao non incida no mosteiro. Non ter sensibilidade e non atender á resolución do problema a tempo serían erros imperdoables. Con todo, agora que todos semellamos ter os ollos máis abertos, e tendo en conta as novas tendencias demográficas, pois xa somos máis de oito mil os sarrianos de zona urbana, é urxente que todos os grupos políticos locais acorden a construcción dun cemiterio xeral que veña a solucionar o problema dos vindeiros 80 ou 100 anos, por suposto, mantendo durante moitos anos o actual para, progresivamente, sector a sector ir clausurando os nichos, con respetuoso traslado de restos á nova necropole, que terá que se alzar en zona donde non se incida negativamente sobre núcleos ou actividades para que os netos dos nosos netos, en definitiva, acaben recuperando todo o que foi Horta do Pombal e terreos da Costa, como elementos dignificadores do monumento máis significativo de Sarria: o mosteiro da Madalena. Seguir como ata dagora, parche a parche, mentres a incineración non sexa de maioritaria aceptación só traerá como consecuencia a ocupación de novos terreos con impacto negativo sobre o mosteiro e o seu contorno. Os políticos tamén lles hai que esixir valentía, e tarde ou máis tarde, haberá que acordar a clausura do cemiterio que en 1870 naceu e que en boa lóxica precisa de sustituto, por dignidade. A propósito e tirando pola proximidade ¿para cando vai ser o facer realidade un acceso practicable desde a Calexa ata a praza de san Roque? Se por San Lázaro vai estar un dos enlaces coa futura autovía ¿porqué non achegar o convento, o colexio e o cemiterio a nova vía?