Temores infundados

ANDRÉS PAVÓN

LEMOS

TRIBUNA | O |

29 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A PROXIMIDADE das eleccións fai que algunhas conciencias flaqueen. Onte, un amigo meu, das mesmas ideas conservadoras ca min (poucas, pero fixas), explicábame os seus temores ante a posibilidade de que a franca e sincera mensaxe do PP non fora entendida polo electorado. Dicía este home que Fraga e o seu seguro servidor e sucesor Núñez Feijoo facían ben en explicarnos os continuos roubos aos que nos somete ZP e os seus ministros para favorecer ás empobrecidas rexións de Cataluña e Madrid, pero que os electores galegos, especialmente os adornados co don da retranca, poderían pensar: «Se agora que manda Fraga, o Goberno central non manda nin un euro para Galicia, como volca gañar o PP non han mandar nin medio euro». Tamén o preocupaba que se entendese o seguinte: «Se o paro, a falta de infraestructuras, a emigración da xente nova, as deficiencias sanitarias e educativas, os incendios forestais e mesmo que o Dépor non vaia á Uefa son as consecuencias en Galicia dun ano de goberno de ZP ¿que carallo fixeron Fraga e Núñez Feijoo en dezaséis anos ao frente da Xunta? ¿debemos admiralos por estar tantos anos cobrando sen trabalar?». De seguida lle dixen que non cavilase tanto, que Fraga xa pensaba por nós e que se non o facía Fraga habíano facer Feijoo ou Cacharro, e que sempre nos quedaría Cuíña. Así pois, a gañar as eleccións e logo a marchar comandados polo novo don Pelayo a Madrid polos nosos cartiños... e se para nós non hai un peso, xa o haberá para Baltar, que o ha saber investir.