Triple orixen en Triacastela

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | O río Sarria (II) O arroxo de Rosiño e os regos Penedo do Lobo e Chousa aportan as augas que se converten na corrente que atravesa unha grande parte da comarca

23 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

No Concello de Triacastela están as fontes e fontenlas que dan lugar ao río Sarria. Logo de atravesar a ponte da estrada Triacastela-Becerreá, pasado un forte estreitamento, o río de Santalla entra no val de Triacastela. O Regueiro de Valdescuro xunta as augas do monte da Forcadura, recollidos polo regato da Ribeira e o Arroxo do Regueiro, separados polo monte de Pena Corval. Este regueiro colle as augas na parroquia da Balsa. E, finalmente, o río da Ribeira recolle as augas dos pequenos regueiros que teñen orixe na serra do Oribio, formando o arroxo de Rosiño, o Rego de Penedo do Lobo e o Rego das Chousas, que en rápido descenso, dende as súas fontes, situadas por riba dos 1.200 metros, baixan cara a vila de Triacastela, que está a 665 metros de altitude. Son as augas deses tres pequenos ríos as que reunidas na vila de Triacastela fan nacelo cauce do río que, cando menos dende o século VI, é coñecido como río Sarria ( ripa Sarriae ). Pasada a vila de Triacastela, pola esquerda, recebe o río Sarria as augas do arroxo de Abreiral, que dende Pena Soá, por xunto de Abradelo, baixa en forte pendente. Á altura da Ponte de Almirón, tamén pola esquerda, recolle as augas do arroxo de Covallo, que na cabeceira é nomeado Rego da Reigosa, coa súa orixe na Boca da Reigosa, a 1.333 metros de altitude e que ten ruxidoiras de grande desnivel. Antes de San Cristovo do Real (chamado San Cristivu de Ríu de Sarria na Idade Media), pola esquerda, achega as augas do rego de Nande, que recolle as vertentes do Chao das Ferradas e do Alto de Torrentes, recebindo o nome de rego das Chardeiras, na parte superior. En Lusío, tamén pola esquerda, chéganlle as augas do río da Ferraría, que na parte alta, augas arriba de Toca, é chamado río do Castelo, que baixa dende Piornedo e Lampazas, recollendo tamén as augas do rigueiro de Augas Rubias que baixa dende Pena das Seixas. Este riacho ten unha fervenza chamada de Toca. En Renche, e pola dereita, o arroxo de Lourido rende as augas que polo rego das Louseiras baixan dende San Xil do Carballo, e pola Muiña e regato de Riocabo baixan das abas do sur de Meda (monte da Medorra, Os Pereiros). En Arxilís, pola esquerda, recolle as augas do regueiriño que baixa do alto de Nogueiros. En Freituxe ( Fruitux de Sarria na Idade Media), pola dereita, recolle augas dun regueirolo que baixa de Loureiro do Real. En San Martiño do Real (San Martiño de Sarria na Idade Media), pola esquerda, verte augas o arroxo de Vilar, que baixa por Freixo desde o monte do Piorno. Na vila de Samos, tamén pola esquerda, baixa dende a serra do Édramo, e polo monte de Carballal, un regueiriño de escaso caudal. O río Sarria bica os cimentos do cenobio benedictino, facendo realidade a ampla referencia documental que sinala a súa ubicación nas inmediacións do río. En Teiguín, pola esquerda, colle as augas do regueiro de San Cobade. O rego de Castroncán, pola esquerda, verte as súas augas arriba da denominada ponte nova de Pascais. O Arroxo, Pola dereita, en Pascais, colle as que baixan polo cauce chamado O Arroxo, e as de outro regueiro que baixa de perto de Gontán. Nas inmediacións de Gorolfe, pola esquerda, colle as augas do regueiro de Vilachá. Tamén pola esquerda, e xunto da Veiga, recebe as augas do rego de Reiriz. E moi perto, pola dereita, as do antigo río Mello, que deu nome a parroquia de Romelle. No seu ramal principal leva hoxe os nomes de río de Mogo (¿dos monxes?) e rego de Montán. Pola dereita colle as augas do rego de San Román, e pola esquerda, o do regueiro de Lamas. Augas arriba de Estraxiz, pola dereita, baixa cara ao Sarria o río de Nabares, tamén chamado nun treito arroxo de Barxelas, e no cauce superior, riba de Zoo, arroxo de Agrelo, tendo este a súa nacencia na fonte do Fondo do Taro. Abaixo de Sivil, pola dereita, baixan dende Pintín as augas do arroxo de Portocelo.