TRIBUNA | O |
21 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CHEGOU o momento crítico. Xa coñecemos a data das eleccións á Xunta e antes de que nos deamos conta -dun momento a outro- veremos chegar polo horizonte inmensas e frenéticas hordas de políticos cargados de promesas e ofertas de toda sorte e condición. De novo oiremos falar e discutir ata a saciedade da autovía/corredor de Monforte a Nadela, da autovía de Monforte a Chantada, do terceiro carril da N-120, do tren de alta velocidade, de rondas urbanas e circunvalacións, de polígonos industriais, da promoción do turismo, do fomento do emprego, da mellora dos servizos sanitarios e de tantas e tantas cousas que reaparecen ciclicamente por aquí, sobre todo cando a atmósfera empeza a cheirar fortemente a urnas. Tantas e tantas cousas que seguen esperando unha solución lustro tras lustro e que seguramente continuarán dando moito que falar, pase o que pase o 19 de xuño. A convocatoria das eleccións autonómicas coincide con outro asunto pendente de solución que xa tivo un papel destacado en anteriores citas electorais, pero que esta vez se encontra nun estado verdadeiramente candente. A cuestión do famoso canon de Belesar segue sen resolver e por tanto xa está irremediablemente misturada coa campaña, por moita présa que se dea agora a Deputación en solucionalo. Está por ver, ademais, o efecto que pode ter nesta situación o plano de reparto dos fondos do canon, no caso de que a distribución ideada pola presidencia do organismo provincial non sexa moi favorable para Chantada. Se isto sucede, está claro que os grupos da oposición terán unha ocasión excelente para fritir vivo ao goberno municipal chantadino. Toda unha responsabilidade.