Crónica | A Casa Grande dos Saavedra O inmoble ocupaba antes de ser fraccionado seis vivendas da actualidade
02 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O apelido que máis lustre deu a Sarria, entre os séculos XVI e XX foi o dos Saavedra, da Casa Grande, aínda que no XVIII o entroncaren cos Somoza de Laiosa, pasou a figurar en segundo lugar, pero mantendo a fachenda que lle cabía, e que aparece nos brasóns que aínda se conservan no albergue de peregrinos promovido pola familia Gudín. O máis antigo referente ven dado por Alonso López de Saavedra (século XVI) casado con María Díaz de Guitián, outro apelido de sarrianidade manifesta. Seguen á fronte da Casa Grande Pedro Saavedra, Xoán Saavedra Figueroa e Francisco Antonio Saavedra. Por casamento con Bartolomé Somoza, acaba a liña sucesoria masculina, sendo a última Saavedra dona Xoana Francisca Saavedra, que morreu en 1734. En 1753 era dono da Casa Grande de Sarria don Lucas Somoza Saavedra Losada, a quen sucederon don Xosé Gabriel Somoza (falecido en 1827) e don Benito María Somoza Saavedra, véndose como conservaban o Saavedra, que era apelido motivo de orgullo familiar, aínda que en boa lóxica xa se perdera en xeracións anteriores. A morte do deputado en Cortes don Benito María Somoza Saavedra, supuxo que a Casa Grande e bens anexos pasase aos seus sobriños don Xosé Gabriel González Somoza, dona Elena e dona Manuela Allo Somoza e don Salustio Víctor Alvarado Somoza. Herdeiras En definitiva, os bens de Sarria pasaron as fillas de don Xosé Gabriel González Somoza, chamadas dona Ascensión, dona María e dona Ramona González Neira. Despois de facer partillas os bens foron vendidos, despois da Guerra Civil, sendo de sinalar como a Casa Grande foi fraccionada, pasando a constituir a Casa Seixas, a casa de Xesús de Palma, a Casa de Paco Barbeiro, a casa Pizarrillo, a casa de don Casiano Batallón e a Casa de Gudín, e os prados, barredos e horta foron parcelados, de xeito que xurdiron as actuais rúas Rosalía de Castro, Padre Sarmiento e Frei Luís de Granada, coñecido o conxunto como Barrio Andión, porque o apoderado da familia foi o señor Andión, quen de modo indirecto pasou a dar nome ao que con anterioridade eran O Prado Grande, O Barredo e O Campiño. Hai que salientar que no Campiño houbo unha capela que sinalaba as extremas das parroquias de San Salvador e Santa Mariña de Sarria e San Pedro de Maside, posiblemente baixo a advocación de San Marcos, extremo este que está por confirmar por non ter achado aínda documentación que fale con precisión dese pequeno templo. Todos os terreos sarriaos e de Maside, propiedade da Casa Grande, debían proceder de foros feitos polos párrocos de San Salvador de Sarria e dos priores de Santa María Madalena de Sarria, e a familia Saavedra tiña moitos bens e rendas nas parroquias de San Salvador e Santa Mariña de Sarria, San Martiño de Requeixo, Vilar de Sarria, San Pedro de Maside e Santa María de Ortoá. Esta familia ostentaba o verdadeiro poder administrativo da Pobra de Sarria, onde os seus membros tiveron cargos como correxedores, rexedores, cabos de milicias do marquesado, administradores de rendas do marquesado, etcétera. Brasóns No albergue de peregrinos da familia Gudín conservan en lugar destacado dos brasóns, un deles datado no ano 1552, cuartelado en cruz, con xelmo á esquerda, e que no primeiro cuartel ten o león riba das ondas dos Balboa, no cuarto as cinco follas de figueira dos Figueroa, o segundo cinco bandeiras e o terceiro un grifo, que poderá ser dos Arribas. O outro brasón, é unha boa pedra de armas con xelmo á dereita con campo ovalado e cuartelado en cruz. Nel aparecen armas que se identificaron como dos Villamarín, Armesto ou Calderón, Balcázar e Miranda. O enterramento dos Saavedra, que emparentaron tamén cos señores de Trebolle, estaba na capela de San Xosé, no Mosteiro da Madalena de Sarria, e por fora da capela hai un escudo no que aparecen un león, cinco bandeiras, un grifo e as cinco follas de figueira, que fai referencia ao padroado exercido pola familia Saavedra na capela. Tiñan tamén unha capela adicada a San Xosé, na casa Grande, conservándose en Bóveda un óleo de San Xosé co Neno. Erro reiterado Por erro reiterado, froito como sempre de non beber nas fontes axeitadas, para moitos sarriaos a Casa Grande era a que foi de don Evaristo Gayoso, na Praza da Constitución, hoxe derrubada, e o erro nace no feito de que o don Evaristo foi administrador dos Somoza de Laiosa, ocupando coa súa familia parte da Casa Grande, e ó ser coñecidas as súas fillas como as señoritas da Casa Grande (últimas representantes activas do carlismo sarriao), polo feito de viviren moito tempo nela, acabouse dando esa trasposición. E certo que a Casa Grande foi fraccionada dando lugar as casas número 21, 23, 25, 27, 29 e 31 da rúa Maior. Pasou á historia a Casa Grande dos Saavedra e o apelido tamén. Sobre él volveremos.