O goberno local pretende construír un aeroxenerador nunha zona deshabitada do municipio Os responsables municipais esperan obter un beneficio anual de en torno a 120.000 euros
22 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? pleno do Concello de Quiroga votará mañá unha proposta para solicitar unha concesión administrativa coa fin de construír un parque eólico no municipio, un proxecto co que o goberno municipal pretende cubrir os gastos que xera anualmente o alumeado urbano. O parque estaría formado por un único aeroxenerador de grande potencia. A intención do goberno local é vender ás empresas eléctricas a enerxía producida neste parque e dedicar os beneficios a pagar os gastos do alumeado público. Segundo un estudo xa realizado por iniciativa goberno local, os beneficios económicos que proporcionaría esta instalación ao Concello serían de máis de 120.000 euros anuais, unha cantidade que se estima suficiente para cubrir o custo da electricidade do alumeado urbano e dos edificios municipais. O alcalde, Julio Álvarez, puntualiza que o Concello non ten capacidade económica para construír o parque por si só -o custo estímase en torno a 2.400.000 euros-, polo que será preciso estudar unha fórmula para financialo. «Cabe a posibilidade de formar unha sociedade mixta na que participaría o Concello e unha empresa privada, ou ben ceder a concesión administrativa a unha firma privada que se encargaría de construír e xestionar o parque», explica o rexedor. O lugar escollido para instalar o aeroxenerador está na parroquia de Fiais, nun terreno totalmente despoboado e de difícil acceso. «A localidade máis próxima a ese lugar é a aldea de Bendollo, e para chegar alí hai que andar uns quince quilómetros por pistas forestais. O sitio foi escollido expresamente para evitar calquera impacto negativo na paisaxe», di Julio Álvarez. Os responsables municipais esperan obter este ano a concesión administrativa, aínda que os trámites poden resultar bastante prolongados. Unha vez conseguida esta, estudarase a maneira de financiar a construción e a posta en funcionamiento do miniparque eólico. O alcalde quirogués xustifica a iniciativa afirmando que os concellos deben intentar aproveitar todos os recursos posibles para financiarse. «Hoxe en día, os gobernos locais temos que facer auténticos malabarismos financeiros se queremos que os nosos concellos saian adiante. Do contrario, como xa lle oín dicir a algún alcalde, non nos queda máis que pechar a porta e botar a chave enriba do tellado», comenta o mandatario.