O museo diocesano

MANUEL XOSÉ NEIRA

LEMOS

LA TRIBUNA | O |

01 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NAS naves superiores da Catedral de Lugo, no triforio, atopamos un fermoso e coidado museo de artes. Todo nel respira un aire de autenticidade e coido que cos seus medios, que non serán moitos, é exemplar. Limpo, coidado, xeneroso, aberto, cordial. Nel aparece un tesouro: inscricións visigóticas (o cancel visigótico das Saamasas), unha copia e restos de Santa Eulalia de Bóveda, cadros de mestres ben que ignorados de pintura: Juan de Juanes do XVI, un San Xosé e o neno da escola de Rubens do XVII, unha copia do mosaico de Batitales. ?O orixinal do Crismón de Quiroga que tal e como comenta o escritor Antonio Reigosa, as mulleres nun rito de fecundidade esfregaban contra dil a barriga. Algún posíbel cadro de Corredoyra, o noso se non xenial si ademirado pintor de primeiros de século con casa no Carril dos Loureiros e de aprendiz un incipiente poeta que era Luís Pimentel e Fole a escribir alí nos hortos de froiteiras. ?Uns fermosísimos cristos de almasí e de alabastro. Moedas, medallóns. Unha serie irrepetíbel de arte sacro. (Eu aínda non o vin con extrema lucidez e por iso aínda non descubrín os lampos ou destellos das pinturas e demais). Uns graciosos anxos do retábulo de Cornelis de Holanda, gordechos e rubicundos. Unhas espléndidas táboas do grande escultor Francisco de Moure, xa saben, o autor do coro do século XVII. ?Pero o que resulta serio é toda a pintura. Sen dúbida trátase dunha colección de mestres indiscutidos ben que a autoría sexa moitas veces incógnita, descoñecida. Por arriba rezo nalgunha ocasión o rosario co crego encargado do museo: don Xesús Guerra, unha vista espectacular sobre os tellados da urbe. E as pombas acompañan o rezo sobre o claustro. Elas tamén rezan o rosario.