Crónica | A Ponte de Vilar de Sarria ou Ponte Vella (II) O monumento chegou a ser incautado polo Estado, pasando a ser incluído nos proxectos de estradas estatais, como o de Sarria a Baralla ou o porto de Ribadeo
11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Falouse na segunda metade do século XIX de facer unha estrada entre Sarria e Aranza, proxecto que non chegou a ser realidade. Cara 1870 o camiño provincial de Sarria a Aranza -clasificada de primeira orde pola Deputación de Lugo- foi incautado polo Estado, e tamén a ponte, pasando a ser incluídos nos proxectos sucesivos de estradas estatais coñecidos como de Sarria a Aranza, de Sarria a Baralla, de Sarria ao porto de Ribadeo, de Sarria a Ouviaño. Por moitos anos, a estrada estivo paralizada na aldea de Corvelle (Sarria), ata que nas primeiras décadas do século XIX foi aberta ata Becerréa, pasando así a se integrar no vial máis adiante coñecido como de Becerreá a Vendas de Narón e que agora, xa convertida en estrada autonómica, se numera desde a estación de Sarria con dirección a Becerreá. O traxecto entre Sarria e Becerreá non se rematou ata cincuenta anos despois de seren comezadas as obras en Sarria, razón pesimista que leva nos tempos actuais a considerar que se a reforma tiña que estar rematada en 1995, terá o mal fado de correr parella lentitude coa primeira estrada. Xa se dixo que a Ponte Vella medieval, posiblemente substituíse a unha anterior ponte romana, na ruta de Lucus Augusti ao Courel, xa que non lonxe encontrouse a célebre estela de Vilar de Sarria, procedente dunha desaparecida villa romana, peza que esta depositada no museo de Pontevedra. A este sector refírese un documento de decembro do ano 1236 polo que Pedro Peláez vendeu a Joan Mansella unha leira de herdade que tiña en Vilar sub signo Sancti Salvatoris in loco predicto Carral Fremosa a carón da Leira de Campanas, Diego Arias e da outra parte Leira de Rodrigo Diaz e de outra Carral de Foro, polo prezo de 8 soldos, reinando o rei Fernando en Castela e León, sendo Miguel bispo de Lugo e tendo Sarria don Ramiro e don Rodrigo e sendo alcalde Pelagio Carvallo, don García, xuiz, e P. Peláez, prelado da igrexa de San Salvador segundo nota do historiador Francisco Vázquez Saco. Relacionado co paso pola ponte e o seu vencello ás peregrinacións, hai que salientar que con anterioridade á fundación de Vilanova de Sarria, no lugar do Carballal houbo un eremitorio e hospital coñecido como de San Cosme ou San Cosmede, manténdose campo e ermida, con afamada romaría, ata primeiros do século XIX. A ese hospital refírense: a escritura de 31 de agosto de 1260 pola que García Fernández, miles (soldado), dá á igrexa de Lugo e ao bispo don Miguel o dereito que tiña in heremitagio de Sancto Cosme de Sarria, quod iacet in strata publica peregrinorum . Por outra escritura de 1280 consta que o bispo de Lugo, don Joan, dá e empraza a Pedro Jordan e a un dos seus fillos que sinalare á hora da súa morte o casal de San Cosme en Sarria. E o bispo de Lugo, don Miguel, recibiu de García Núñez de Cereixa a herdanza que tiña en San Cosme de Sarria co padroado da mesma igrexa e os demais dereitos. Ao faceren agora unha nova ponte, ubicada na paraxe do Caneiro e para que o tradicional nome de Ponte Vella o conserve en toda a súa acepción a histórica, para a nova é de estimar que a denominación propia deba ser Ponte do Caneiro. Ata a construcción da Ponte do Caneiro, o río Sarria formaba unha pequena illa, arrodeada por dous brazos do río Sarria, entre a presa do Caneiro e a Ponte Vella. A maior forza da auga ía cara ao arco principal, e os outros arcos tiñan a misión de deixar pasar as augas no tempo das maiores crecidas. Cinco son os arcos actualmente observables, formando parte dunha obra moi maltratada polo paso do tempo, e que en peares e tallamares presenta mal estado de conservación e reparación enteiramente desafortunadas. Para permitir o paso do tránsito rodado, foron suprimidas as barandas orixinais, substituídas por uns antiestéticos quitamedos. Houbo necesidade de reforzar algúns dos arcos ferrándoos polo exterior, e o máis pequeno dos arcos, que se fundira, deu lugar aásubstitución da pedra por un parche de formigón, que esixe a restitucion da cantería. Os tallamares corren perigo de desaparición e as edras e a vexetación inzan na obra, dando lugar á aparición de fendas e á desaparición da presa e da illa, e as fortes riadas están afectando á base dos arcos. A tiularidade da Ponte Vella correspóndelle a Xunta de Galicia. Alguén terá que botar man deste monumento.