Crónica | Intentos de encauzar los ríos Sarria y Celeiro Os políticos de principios do século XIX xa proxectaran diversas obras para canalizar as dúas correntes fluviais que atravesan unha grande parte da vila
20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Os munícipes do ano 1820 eran máis visionarios e arriscados ca moitas xentes do noso tempo. Sabendo moi ben o que querían solicitaron do goberno constitucional os fondos necesarios para acometer a obra do regadío do Val de Sarria, para o que proxectaron unha cal entre a Acea de Baixo e Rubín. As convulsións da época votaron por terra esa idea, da que só quedaron a Presa de Peago e a fonda cal que leva aínda hoxe as augas do río ata os prados de Ribela. Se ese rairo vivificador se tivese feito, as potencialidades da Veiga serían outras. Non puido ser, e esa cal ficou no mundo dos desexos. Máis adiante, derredor de 1950, volveuse a falar dun plan de regadío para Sarria -non íamos a ser menos que Lemos-, con construcción dunha presa a ubicar en Reiriz, e os políticos de turno volveron unha e outra vez a engaiolar as orellas dos sarriaos coa promesa desa mellora, e aínda nos primeiros anos de democracia se voltou falar de facer o regadío. Os ríos Sarria e Celeiro, éste toleirón e finchudo de sobra coñecido, non se levan ben coa edificación do ensanche da vila, e a chea de 1909 quedou gravada como mítica no recordo colectivo. Así non é de extrañar que cando o alcalde José Gayoso encarga un plano de poboación, que non pasou do papel, recollese a proxección dunha cal para evitar as voltas e contravoltas do río Celeiro, levando as augas pola liña dereita dende a Estación ata As Ínsuas. Os que queiran ver o deseño podeno ollar no segundo andar do Concello. En realidade, o que se fixo foi edificar as casa rente o río e minguar as beiras. Actividade semellante se deu co sarria, pois o Areal, un dos ollos da Ponte de Ferro e as alcantarillas da estrada de Samos das nosa aventuras infantís foron desaparecendo, o mesmo que todos os regueiros sangradores que aparecen no plano de Sarria do 1850. En realidade a Sarria do XIX e do XX fíxose dando o carrelo aos ríos, e os deseños das novas pontes, pola técnica do aforro, levaron a non prever as medras invernais. E pasa o que pasa. Con todo, os que somos de letras contemplamos con certa supina ignorancia técnica e un tanto alarmistas que agora queiran meter no cinto ós nosos ríos, cun procedemento que non atinamos, na nosa ignorancia, a comprender. Sabemos que a previsión dun mediano encoro no río Sarria está contemplada e mantida, e por iso non entendemos que se poida facer unha proxección rabena e circunstancial sen ter en conta que é urxente represar augas para unha crecente poboación urbana e para atender ás necesidades industriais, e que nunca mellor empregados serían os recursos que querían adicarse para domar os ríos, e que tanto a presa da Acea de Riba, que surte a Oural, como a de Acea de Baixo, que surte a Sarria e a súa zona de influencia, en calquera mediana estiaxe vannos a dar o susto o ano menos pensado. Como somos de letras tampouco entendemos que se pretenda facer unha derivación desde Ribela ata a Ponte Vella, frustrando mellores expectativas, cando ese sangradoiro sería prudente levalo augas abaixo da confluencia dos ríos Sarria e Celeiro, para así recoller tamén os aluvións de Castelo dos Infantes, Camiño e Castro dos Petos, que axudan o seu ó asulagamento das zonas de A Ribeira, A Veiguiña e Vilarairo. Somos de letras e non o entendemos. Os erros do pasado tran os problemas de agora. Sen franxa de protección, pola política de feitos consumados de que todo o que é chao é solar, os ríos cobran agora a súa maquía: invaden sotos e garaxes, rompen presas, escapan das faixas de chapacuña e cemento... Entendendo os ríos como corpos vivos tamén hai moitos que coidan que é perder tempo e esforzos querer enfaixalos facéndolles perder beleza, en aras dunha domesticación máis ca discutible. Se os prohomes de 1820 conseguisen aquela canle de Farbán a Rubín, con calexas vivificadoras repartindo o caudal por centos de prados, os efectos negativos das cheas do inverno estarían moi mitigadas. Mais, con todo, cando chove ... chove, e da riada de 1909 queda a lembranza de que de todas as pontes existentes entre Triacastela e A Pobra de San Xulián só quedaron en pe a Pontenova, en Samos, a Ponte Ribeira, a Ponte Vella e a Ponte de A Pobra, e do muiño de Bizarro, en Samos, só quedaron os cimentos. Así que haberá que preguntar se no plano hidrolóxico segue a haber a previsión do moitas veces prometido encoro: necesidade urxente e solución racional. E sendo de letras, queda aínda unha pregunta no tinteiro ¿Será certo iso que din de que a Ponte Vella de Vilar de Sarria -Alonso de Casal mediante- ten condea de morte, malia a ser ben protexido per se e con 200 metros de afección todo darredor? Que os deuses lares e viales que moraron na villa romana de Vilar de Sarria, e os navegantes da estela gardada no museo de Pontevedra alumen as mentes de aqueles que, non sendo de letras, mandan globos sonda que nos deixan arrepiados. ¿E para cando un par de góndolas?