Paciencia e espera na N-120

LEMOS

TRIBUNA | O |

05 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A AUTOVÍA de Monforte a Ponferrada será incluída no Plano de Infraestruturas do Goberno central, segundo afirma o PSOE monfortino. Parece que a moi esperada e moi demandada reforma da estrada N-120 vai chegar por fin, pero non con demasiada présa, porque ese plano de infraestruturas non vai ser aprobado antes de que se aproben os orzamentos do Estado para o 2005, de maneira que a autovía non poderá ser presupostada ata o 2006. Está visto que para ver solucionado o problema da N-120 haberá que armarse de paciencia. Claro que para aliviar a espera, o público pode entreterse vendo o animado debate entre os representantes políticos: de quen é a culpa do enorme retraso con que chega este proxecto, de quén é o mérito de que por fin vaia levarse a cabo, etcétera. Por agora o asunto xa deu pé a unha pelexa verbal no seo da coalición BNG-PSOE que goberna o Concello de Monforte. E tamén proporcionou a ocasión de ver ao PP metendo présa ao Goberno central para que constrúa a autovía e esquecendo que non hai moito tempo os seus deputados votaron en contra de tal transformación (dicían que polo momento xa nos chegaba co terceiro carril). Pero desde hoxe ata que se faga a autovía aínda queda moito espectáculo por ver e por oír.