Crónica | A traxectoria do maior promotor da Ruta Xacobea Sarria debe unha homenaxe a un dos seus fillos máis ilustres, o principal responsable do moderno renacemento das peregrinacións polo Camiño de Santiago
02 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? labor levado adiante polo sarriao don Elías Valiña Sampedro ten sido obxecto de recoñecemento nos máis diversos foros universitarios e xacobeos, pois a el, en boa medida, se debe o o rexurdir das peregrinacións a Compostela, asexante como estivo no alto teso do Cebreiro, e chaando ás máis diversas portas. Como soe suceder, cando chegaba xa o intre de ver o resultado da súa obra, faleceu sen gozar da satisfacción polo traballo ben feito. A homenaxe de persoas e institucións á súa figura é constante, e só se bota en falla, como sempre sucede, o recoñecemento dos seus méritos no seu eido natal. ¡Que mala fada persegue aos grandes homes para que a mesquindade agrome derredor deles onde máis fachendosos deberían estar do seu exemplo! Agora, unha petición unánime das asociacións culturais de Sarria presentada no Concello abre a posibilidade de que os representantes do pobo proclamen oficialmente o que xa todos sabemos: don Elías Valiña Sampedro é fillo, e fillo predilecto de Sarria. Nin máis nin menos. Os seus méritos son estes: Naceu en Santa María de Lier (2-02-1929). Fixo estudos eclesiásticos cos padres mercedarios e no Seminario de Lugo, sendo ordenado sacerdote. Licenciado en dereito canónico pola Universidade de Comillas e doutor pola de Salamanca. Foi coñecido como «o cura do Cebreiro» por ter desempeñado o seu labor apostólico en varias freguesías do municipio de Pedrafita, a partir de 1967, e ter activa participación no restauro dese conxunto poboacional. O seu traballo El Camino de Santiago. Estudio histórico-jurídico foi galardoado con premio Antonio de Nebrija en 1967 e publicado en 1971 polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Foi o propulsor do restauro do templo, hospedería e poboado do Cebreiro, que estaba en perigo de extinción. As obras foron iniciadas en 1962 e en 1971 foi inaugurado un museo etnográfico nas pallozas xa restauradas. Foi correspondente da Academia de Doctores de Madrid (sección de dereito) e membro da Comisión do Patrimonio Cultural da Igrexa en Galicia e do Consello de Cultura da Deputación de Lugo. Dirixiu o Inventario histórico-artístico de Lugo y su provincia , obra en seis voumes, e a redacción do do Inventario del patrimonio arquitectónico de la provincia de de Lugo (Madrid, 1989-83), colaborou coa Universidade Pontificia de Salamanca na elaboración do primeiro volume do Synodicon Hispanum (Madrid, 1981), dedicado a Galicia, e foi comisionado pola Secretaría de Turismo para a redacción da Guía del peregrino. Camino de Santiago (Madrid, 1982). En 1971 publicou o traballo periodístico Caminos de Compostela . Frechas amarelas De 1986 é o seu Catálogo de los archivos parroquiales de la diócesis de Lugo, polo que o CSIC lle outorgou o premio José María Cuadrado. Dedicado activamente á reviltalización do Camiño de Santiago, en 1984 emprendeu o sinalamento dos diferentes treitos coa célebre frecha amarela que o distingue, desde Valcarlos a Compostela, e dentro do treito galego fixo traballos de limpeza, fixación de alternativas... Publicou diversas guías do Camiño en editoriais turísticas que destacan por seren práticas e moi fundamentadas. O seu intenso labor xacobeo levou a que no primeiro Encontro Xacobeo (Santiago, 1985) fose nomeado comisario do Camiño de Santiago. Promotor de asociacións de amigos do Camiño de Santiago, tanto en España como no estranxeiro, e da súa federación, publicou un Boletín del Camino de Santiago e participou en conferencias, ciclos divulgativos, congresos, etcétera, nun traballo de auténtico apostolado xacobeo. A morte sorprendeuno cando o seu labor daba os seus primeiros froitos e se estaba a converter de novo a peregrinación xacobea nun feito de masas. Faleceu en 1989 e foi enterrado na igrexa de Santa María a Real do Cebreiro. No adro deste templo son numerosísimas as mostras de homenaxe e admiración deixadas en sentidas inscricións por asociacións, institucións e particulares de diversos países. En realidade, don Elías Valiño Sampedro é o sarriao máis coñecido de entre os fillos ilustres que deu o século XX. Sen o seu labor calado e efectivo sería imposible comprender o actual bon suceso da ruta xacobea. Honrará a súa memoria unha vila de Sarria e se todo segue o seu curso normal (ocasión houbo en que se tronzaron iniciativas de toda xustiza), os munícipes sarriaos do ano 2004 farán posible honrar a un dos máis destacados.