«A miña obra fala da muller»

Laura López SARRIA

LEMOS

Entrevista | Violeta Bernardo

14 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A escultora sarriana Violeta Bernardo non para de traballar, e parece que está pasando por unha boa etapa na súa carreira artística. Esta muller expuxo xa as súas obras en cidades como Astorga, Barcelona, A Coruña, Lalín, Lugo, Monforte ou Sarria. Este verán, a artista sarriana inaugurou unha escultura en homenaxe á muller, titulada En el andén , na rúa Gran Vía de Sarria que despertou a admiración dos seus conveciños. O próximo día 25 volverá expoñer en Barcelona, despois de telo feito tamén durante o pasado mes de xullo. A Cidade Condal é polo tanto un lugar especial para esta recoñecida artista Nesta ocasión a mostra será no Centro Galego O Penedo, e permanecerá aberta ó público durante todo o mes de outubro. Parece que a súa obra está sendo moi ben acollida na comunidade catalana, xa que «esta é a terceira vez que expoño en Barcelona», declara a escultora. -¿Que tipo de exposición realizará en Barcelona? -A exposición constará de trece pezas escultóricas. Colocarei unha instalación de chan, outra de parede e outra máis formada por pezas diferentes. -¿Cal é a temática principal desta mostra? -A muller, por suposto. Toda a miña obra fala da muller, ela constitúe o tema central dos meus traballos, os seus problemas, as súas penas, as súas alegrías, os sentimentos... -¿E con qué ollos ve a situación actual da muller? -Eu creo que as mulleres do século XX e XXI gañamos moito porque cremos que somos máis independentes. Hoxe en día traballamos fóra e por iso podemos contar coa nosa propia economía. Sen embargo, eso é tamén un inconvinte, xa que nos costa moito máis alcanzar as nosas metas, temos o dobre de traballo que os homes, e para conseguir o mesmo ca eles, as mulleres témonos que esforzar moito máis. -E no seu caso, unha muller escultora, pintora, que ademais imparte clases... ¿de onde saca o tempo para todo iso? -Facendo un esforzo grandísimo, durmindo pouco e traballando moitas horas. Pero para min a arte é unha necesidade vital, sen ela non son nada. E sen embargo, non podo vivir da arte, por iso me teño que adicar a outras cousas. -¿Qué é o que busca coa súa arte? -O principal é transmitir sentimentos e intentar concienciar á xente dos problemas polos que está atravesando o noso mundo. Anque quizais o máis significativo é que intento que as miñas pezas conten historias, cada unha delas ten un relato detrás que o espectador debe descubrir. Pero non se trata somentes de que as obras falen, senón que busco tamén a beleza, que as miñas pezas conten as historias dende o punto de vista estético, que fagan reflexionar e pensar á xente.