Outra vaca no millo

ALFONSO VILLAR AGRA

LEMOS

TRIBUNA | O |

24 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PERMÍTASEME a expresión popular que emprego para definir a actitude teimuda e irracionalmente insistente de Lucía Vázquez, portavoz do PP no Concello de Monforte. Non leron mal, portavoz do PP. Non o digo eu, dino os feitos: no seu día anunciaron unha oposición conxunta e hoxe ela defende as posturas do PP. Isto explícase porque ela non ten grupo político e o seu fin último é gañar a vida coa política (cómpre lembrar que se presentou baixo unhas siglas que pertencen a Celestino Torres). Pouco máis fica que dicir das súas constantes e desafortunadas intervencións públicas. A última con motivo das festas patronais: di que desde os palcos se falou mal das gaivotas e de Fraga. A respecto dos animais, alégrome dese acceso ecolóxico, a ver se se converte nunha actitude permanente e denuncia outros ataques que sofren os animais: peixes mortos por verquidos, sacrificio para prendas de vestir de luxo, aves mortas por fuel... A respecto do que deben ou non dicir os artistas desde os palcos, ten de saber esta moza que os artistas son contratados para actuar e o concello non pode censurar os espectáculos, salvo que infrinxan de modo grave a lei. Todos saben, agás vostede, que cando un concello ou unha comisión de festas contrata a un grupo ou orquestra non se lle pide previamente un guión do que vai falar. Fan ben no Concello de Monforte non censurando, aínda que non lles guste o que digan algúns cantantes e orquestras. Xa sei que vostede e o PP teñen outra visión do asunto, non hai máis que ver a persecución que sofren na TVG os que non están na liña do réxime, pero esa é a política que a vostedes lles gusta, a da censura. Os gobernantes de Monforte están en contra da censura, polo que me alegro profundamente de que vostede non sexa gobernante desta cidade.