Crónica | Apuntes sobre unha parroquia con moita historia Un dos antigos partidos do marquesado e xurisdicción de Sarria foi o da Lobataira, formado polas freguesías de Vilamaior, Santo André de Paradela e Nespereira
23 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?omo Vilamaior de Paradela aparece reflectiva esta parroquia en moita documentación, para distinguila de Vilamaior do Páramo ou Vilamaior das Cabras, situadas non lonxe destas terras. O topónio Paradela fai referencia ó antigo alciprestado, e non ó moderno Concello de Paradela, pois as terras de entre Loio, Páramo e Miño foron coñecidas como Paradela na Idade Media. Varias parroquias paradelenses e unha de Sarria marcan a pervivencia da medieval denominación. Historicamente, pois, levou dous nomes: Vilamaior de Paradela e Vilamaior de Lobataira, estando vencellada ó merquesado de Sarria, e ocupando entre as posesións dos Condes de Lemos un lugar preponderante xa que no lugar de O Palacio mantiveron unha nobre edificación (perto de Tambarría), porque desde ela adicábanse «a cazar e montear» tanto na Lobataira como no couto de Castro de Rei. Desde este lugar a Monforte foron trasladadas as mellores pedras labradas de balcóns e xanelas para acondicionar o pazo condal beira de San Vicenzo do Pino. Desde os «Palacios de Paradela» aparece datada a carta que o protector de Cervantes, don Pedro Fernández de Castro, Conde de Lemos e marqués de Sarria, dirixiu ó insine poeta don Luis de Góngora. Algúns autores, con nulo fundnamento, viñan sinalando o lugar de Pacios, na parroquia de San Miguel de Paradela, como ponte onde fora escrita esa carta, o que non concorda coa realidade, pois o «palacio» dos condes, na zona de Sarria, era o de Vilamaior, e «en los palacios de Paradela» están datados milleiros de documentos, xa que os escribáns, cada día quince ían ó «campo de palacio», onde se celebraba a feira, que se mantivo ata darredor de 1950. Coñecida tamén como «feira de Paradela», pervive agora na capitalidade do viciño concello, e na mesma data, e na denominación da estrada que desde barreiros vai a Vilamaior, coñecida oficialmente como estrada de «Santa María á Feira de Paradela». Como un ecoar, mais non con fidelidade histórica, unha asociación veciñal de Vilamaior leva agora o nome de Albataira, o que reflicte un pouco aquel berro tribal de «a min a lobataira», que o meu padriño lembraba ser aínda chamada de axuda nas liortas da mocedade nas romarías. Aínda con esa variación, explicable, pola perda da tradición, é de salientar que Vilamaior sempre destacou pola súa unidade de acción, e esta asociación fai un bon labor, que é tamén imaxe diluida daquel activo comité de Esquerda Republicana que en 1936 agrupaba a unha mocedade activa e, caso raro, ata nel estaba integrado o párroco, don Pedro López, segundo a documentación daquel tempo. O que xa non é tan xustificable é que no lugar de Nabás e en O Oural, tanto a Deputación Provincial como a xefatura de estradas manteñan una letreiros que di « Villamayor », esteparia e ilegal traducción que esquece que as únicas «billas» existentes en Galicia son as que botan auga e calman sedes. Como ninguén se vai dar por aludido e que se ha seguir a facer da capa dos topónimos legais un saio de farrapos, porque brincar riba da ley semella deporte nacional, sinalo unha vez máis que Vilamaior é unha parroquia de Sarria, e que só esta denominación é a legal e correcta a todos os efectos. E destas terras hai que destacar a Lagoa do Tumbiadoiro, e a súa capela de Santo Ildefonso, que foron dos Sobrado e Alvarado, despois do Bispado de Lugo e agora dun particular. Óllen o pazo dende o camiño, a entrada está vedada. Datado no século XVI é moi fermoso, e xa on reza aquelo de que «para os pobres esté sempre aberta (esta porta) porque non é visitable.