Internet con contagotas

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | Os problemas das novas tecnoloxías no medio rural A dispersión demográfica e o sistema de telefonía Trac frean o acceso á Rede no Courel e noutras localidades do sur lucense, a pesar das últimas iniciativas da Xunta

25 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

? proxecto Internet no rural, promovido pola Xunta e a Deputación, suporá a creación en breve prazo de centros gratuítos de acceso á Rede en once municipios do sur lucense: Sober, O Saviñao, Taboada, Pantón, A Pobra do Brollón, Paradela, O Incio, Portomarín, O Courel, Ribas do Sil e Triacastela. Non obstante, segundo algunhas opinións, esta iniciativa só servirá para paliar dunha forma moi limitada os problemas de acceso a Internet que padecen as maioría das localidades da zona, particularmente as que se ubican nas áreas rurais ailladas. Este problema é particularmente agudo no Courel. O centro local de Internet instalarase no edificio da Casa do Concello, nun espazo habilitado xunto á biblioteca pública. «Temos unha poboación moi dispersa e aínda que o servizo sexa gratuíto, todos os veciños que non viven en Folgoso terán que gastar en transporte para poder usalo», di o alcalde, José López Fontal. «Aos que viven nas zonas máis apartadas, se queren entrar en Internet, seralles máis fácil ir a Lugo que vir ata Folgoso», engade. O rexedor sinala, por outro lado, que solicitou á Xunta a creación doutro centro deste tipo en Seoane, para prestar servizo á zona norte do municipio, pero esta solicitude aínda non tivo resposta. «Mellor que poñer un centro de Internet no Concello, habería que procurar que os veciños de todas as aldeas poidan conectarse desde as súas casas, aínda que teñan que pagar polo servizo, como se fai en todas partes», opina o alcalde. Pero polo momento esta posibilidade está pechada. Como o resto das áreas rurais de montaña, a maioría das localidades do Courel só dispoñen do sistema de telefonía de acceso celular, coñecido como Trac, instalado a comezos dos anos 90. Este sistema, en teoría, permite acceder á Rede, pero o usuario que o utilice pode tardar un tempo interminable en abrir calquera páxina web, polo que a opción resulta inútil na práctica. O concelleiro do BNG, Orlando Gregorio Álvarez, domiciliado en Ferreirós de Abaixo, é un dos numerosos veciños que non poden conectarse á Rede desde o seu domicilio. «Só podo entrar en Internet durante a semana, porque traballo en Lugo. Na casa non teño conexión porque co sistema Trac non hai nada que facer. Un sobriño meu que estivo aquí de vacacións quixo conectar un ordenador que trouxo e funcionar, funcionaba, pero dunha forma lentísima. Non sei se haberá algún aparello conectado de forma permanente a estas liñas», explica. Só en dúas poboacións Debido a esta situación, no municipio hai un reducídisimo número de conexións a Internet, situadas todas elas en Folgoso e Seoane, as únicas localidades que contan con telefonía por cable. Hai ordenadores con acceso á Rede na casa do concello, no colexio público de Seoane -que foi o último de Galicia en ter este servizo-, nas sucursais bancarias, nalgún establecemento comercial e en certos domicilios.