Máis estudos sobre O Manuel

La Voz

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Terra adentro A Fundación Manuel María presentou onte en Monforte dous libros de investigación sobre a obra do poeta publicados polo profesor Camilo Gómez Torres

21 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A extensa obra de Manuel María, o escritor chairego pero monfortino, xa está a ser estudada tamén moi extensamente. Onte pola tardiña presentáronse na Galería Sargadelos de Monforte dous novos libros sobre O Manuel e a súa obra, que xa están á venda. Foron escritos polo profesor Camilo Gómez Torres , outro chairego que tamén pasou en Monforte boa parte da súa vida. Un dos libros titúlase A Terra Cha na poesía de Manuel María . Rotas culturais para unhas viaxes poéticas . Este volume estudia dende os poemas referidos á Terra Cha, pasando polos propios asuntos tratados neses poemas chairegos, ata os que foron recitados ou musicados, e mesmo ten un índice dos nomes e topónimos que aparecen nesas obras. En definitiva, un traballo de escolla, clasificación e estudo sobre a obra do Manuel. O outro libro presentado, do mesmo autor Camilo Gómez Torres, é Bibliografía de Manuel María . É unha recompilación bibliográfica completa da obra de Manuel María. Según as verbas de Alfonso Blanco Torrado , o presidente da Fundación Manuel María, que tamén estivo onte na presentación dos libros «Esta recopilación bibliográfica tan inxente cobra unha dimensión trascendente proque estamos ante a primera bibliografía total que se fai sobre un autor vivo». Durante o acto de presentación, ademáis do propio autor, tamén falou o profesor monfortino Manuel Rajo, quen explicou algúns dos detalles máis salientables das dúas obras, que non poden faltar na biblioteca dos amantes da Terra Cha, de Manuel María ou do Val de Lemos. Gala musical en Monforte A explanada dos Escolapios de Monforte foi a ubicación elixida para a gravación da primeira gala musical de verán da Televisión de Galicia. Este programa celebrarase o vindeiro martes, 25 de maio, a partir das 21:30 horas. A gravación estará aberta ó público e disporanse ao redor de 2.500 cadeiras para os asistentes, que poderán acceder ao recinto a partir das 20:30 horas. Esta primeira gala, conducida por Sonia López e Mon Santiso , contará coa actuación de destacados artistas do panorama musical. Deste xeito, estarán en Monforte compartindo escenario, Álex Ubago, Hakim, Camela, Alazán , e ofrecendo as últimas tendencias da música feita en Galicia, estarán Cristina Pato, Mutenrohi e María Montana . Tamén participará a Banda de Gaitas de Monforte e a Agrupación Folclórica Peleriños . A Televisión de Galicia disporá para estas galas un gran despregue de medios técnicos. Así, as dimensións do escenario serán de vinte por dezaoito metros, estará iluminado nada menos que por 200.000 vatios de luz, e apoiado por 50.000 vatios de son. Ademais, contará con asentos para o público e cos servizos necesarios para o desenvolvemento da gala. Este espectáculo enmárcase dentro da serie de programas denominado "Galas dos Camiños" que se emitirán ao longo deste verán na canle autonómica, gravados en distintos pobos da xeografía galega.