Crónica | Presencia do río Sarria nas enciclopedias A comarca e a vila deben o seu nome a este afluente do Neira que ten unha destacada presencia en numerosas publicacións de recoñecido prestixio
15 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O río Sarria, que deu o seu nome a unha terra, a un condado, a unha vila, a un marquesado, a unha xurisdición, a un Concello, a unha comarca, a dous mosteiros, a varias parroquias e lugares e a un partido xudicial, é un afluente do Neira, río este que verte as súas augas no Miño. No diccionario Madoz (1845) aparece con moitas referencias: río Sarria. Ao paso que o Sarria recorre o centro do territorio, este río nace de varios arroios e vertentes dos montes de Meda, a Albela e serra do Oribio, que reunidos pasan polo norte de San Cristovo do Real, Santiago de Renche e San Martiño do Real, continuando o seu curso polo sur de Samos e de leste a oeste ata os terreos de Castroncán; desde aquí cambian ao norte e circundando a Lier por leste, norte e oeste baixan ao suroeste, e por entre Frollais e Fafián diríxense ao norte procurando a ponte de Sarria por entre Farbán e Fontao, e deixando a esquerda a capital do partido marchan rodeando a Santiago da Veiga e seguen ao norleste ata San Pedro de Ronfe, que deixan á dereita. Finalmente o Sarria, pasando por entre Vilafiz e Viance, vai unirse ao Neira, despois de pasar a ponte de San Xulián da Pobra, e esta freguesía queda á dereita, no seu curso agréganselle diversos regueiros, se ben o único notable é o que baixando de Froián e A Chanca pasa ao oeste de Sarria e úneselle un pouco máis abaixo da ponte de Vilar e no termo de Requeixo. Moitas outras referencias aparecen no diccionario Madoz, das que seleccionamos unha poucas para citar como exemplos. Vilabella, Santa María de. Báñano varios arroios que corren a dar orixe o Sarria. Samos. Situado nas marxes do río Sarria, polo norte e con dirección leste a oeste corre o citado Sarria. Samos, Santa Xertrude. Situada á dereita do río Sarria, báñao o Sarria sobre o que ten dúas pontes. Sarria. Disfruta de fermosas cuíñas e frondosos vales regados por infinitos regueiriños que levan as suas augas o Sarria, que corre polo centro do distrito. Vilar de Sarria, San Salvador de. Situada á esquerda do río Sarria. Toldaos, San Vicenzo de. Báñao un regueiro que baixando do monte da Meda e correndo do leste a oeste pasa por Ferreiros e desauga no Sarria fronte a Santiago da Veiga. Rubín, Santa Mariña de. E por sur Corvelle, de cuxo termo baixa un regueiro que corre a se unir co Sarria que pasa polo oeste desta parroquia. Veiga, San Xulián. Situada a dereita do río Sarria. Veiga, Santiago da. Situada á esquerda do río Sarria, que a circunda polo norte, leste e sur. Vilambrán, Santa María de. Sobre a marxe dereita do Sarria, sur, Lousadela, intesposto o Sarria. Vilar, Santa María de. O termo confina polo norte co río Sarria. Vilapedre, San Miguel de. Leste do río Sarria. Vilafiz, Santa María de. Situada á esquerda do río Sarria. O termo confina a leste con Viance e río Sarria. No diccionario Espasa (tomo 14, 1927) descríbese así. Sarria. Río da provincia de Lugo. Fórmase de varios arroios procedentes dos montes da Meda e Serra de Oribio, corre cara ao oeste, pasa o termo de Castroncán, e despois cara ao norte, se ben forma varias voltas, deixa á esquerda a vila do seu nome e desemboca pola esquerda do Neira. Esta primeira entrega de datos será seguida de outras referidas á cartografía dos séculos XVI e XX, e documentación dos séculos VI en diante, das que resulta que o Sarria é un dos ríos galegos con máis constantes citas documentais. O río que deu nome a Vilanova de Sarria, cando nace como vila xacobea.