O Courel rende tributo ás tradicións

Francisco Albo
Francisco Albo FOLGOSO DO COUREL

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

No municipio celébranse hoxe a Festa da Serra e unha homenaxe a un músico popular Os visitantes poderán iniciarse no uso dos antigos instrumentos dos serradores

15 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?a localidade de Ferreirós de Abaixo celébrase hoxe a terceira edición da Festa da Serra do Courel, unha iniciativa promovida pola asociación Fonte do Milagro para rememorar un vello oficio típico da zona xa desaparecido hai varias décadas. O acto principal deste festexo etnográfico, como nos anos precedentes, consistirá nunha demostración de aserrado de madeira co uso da tradicional serra de aire, que se levará a cabo ao mediodía. Na exhibición participarán varios antigos serradores dos municipios do Courel e da Pobra do Brollón que desempeñaron este oficio ata mediados do pasado século. Estas persoas facilitaron os vellos instrumentos que se utilizan na festa. Pola tarde, os asistentes terán ocasión de facer práticas de aserrado utilizando as ferramentas tradicionais do oficio, seguindo as instruccións dos serradores. Presentación literaria O programa de actividades da Festa da Serra complétase nesta ocasión coa presentación da novela Orixe, do escritor Sechu Sende, galardoada o ano pasado co premio Blanco Amor, unha obra inspirada na Serra do Courel. Este acto celebrarase ás catro da tarde. Os promotores da festa, por outro lado, organizan un xantar a base de panceta e viños «a prezo simbólico» no que poderán participar todos os visitantes e que comezará ás dúas e media da tarde. Ao longo da xornada, así mesmo, actuará en Ferreirós un grupo de gaiteiros.