Afeccionados á lectura

| CRISTINA LÓPEZ |

LEMOS

DESDE O ADARVE

23 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGUNHA que outra vez escoiteille dicir a Fernando Savater que se existise un oficio no que pagasen por ler, a el gustaríalle dedicarse a iso. Eu tamén estaría disposta a facelo, pero nos tempos que corren non sei canta xente sería capaz de deixar de lado a televisión, o equipo de música, a consola e demais entretementos por un bo libro. Aproveitando que onte foi o Día do Libro e que as librerías facían un dez por cento de desconto, non sei se foron moitos os que se animaron a mercar algún exemplar, pero aínda están a tempo, porque calquera ocasión é boa para adquirir un libro, pensen que dentro duns días lle terán que regalar algo ás súas nais. Non vou enumerar aquí os beneficios da lectura, pero si lles digo que non poñan a escusa de que non teñen tempo para ler, basta con levar sempre un libro consigo e aproveitar esa cantidade de momentos mortos que se suceden ó longo do día.