O célebre Oso de Salcedo continuará mañá os festexos carnavalescos no municipio Un baile popular na Casa de Cultura puxo fin á xornada despois do percorrido
21 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?umerosos veciños da Pobra do Brollón participaron onte á tarde no primeiro dos desfiles de entroido que se celebran na zona sur da provincia. O percorrido da comitiva polo centro da capital do municipio comezou en torno ás cinco da tarde e foi contemplado por un elevado número de veciños. Un barco pirata e un avión foron algúns dos motivos das carrozas que tomaron parte no desfile que máis chamaron a atención dos asistentes A última hora da tarde celebrouse na Casa de Cultura unha cea baile que congregou tamén a moitos veciños do municipio. Os festexos de entroido da Pobra do Brollón terán continuidade nos próximos días na parroquia de Salcedo. Mañá, á primeira hora da tarde, sairá ás rúas da localidade o Oso de Salcedo, o personaxe máis célebre e característico do carnaval local. O martes celebrarase no mesmo lugar a tradicional danza das madamitas. No local social da parroquia, por outro lado, estará instalada durante as festas unha exposición fotográfica sobre os carnavais europeos que gardan semellanzas co de Salcedo.